Esta mañá comezou o proceso de expropiación de terreos en Serantes para a construcción da segunda fase do proxecto de beirarrúas. Esta actuación, que comeza no punto quilométrico 0.300 e remata no 1.100, daralle continuidade á que se acometeu nos primeiros 300 metros da estrada DP-3612.
O alcalde, Ángel Mato, acompañado polo concelleiro de Urbanismo, Julián Reina, e a deputada provincial e concelleira de Obras, Ana Lamas, visitou a zona pouco despois de que os técnicos comezaran a sinalizar as áreas nas que nuns meses comezará a construcción das beirarrúas e de prazas de aparcamento. Xunto cunha representación da asociación veciñal, recorreron o treito ata a zona na que agora mesmo se están a realizar os traballos do saneamento. O alcalde interesouse por diversas cuestións do proxecto, que lle detallaron os técnicos, e tamén falou con varios dos residentes na zona, que lle trasladaron a súa satisfacción polo inicio do proceso de expropiación e lle lembraron a necesidade desta infraestructura nunha zona especialmente perigosa para os peóns.
O Concello achega case 227.000 euros para as expropiacións
O proxecto desta segunda fase das beirarrúas conta cunha partida económica superior aos 863.000 euros, dos que 636.110 corresponden á Deputación Provincial e 226.925 serán achegados polo Concello de Ferrol para o pagamento das expropiacións. Inclúe a ampliación da calzada ata os sete metros de ancho, beiravías de 0,5 metros e beirarrúas de dous metros, ademais da renovación de servizos como as redes de saneamento e abastecemento de auga. Tamén se instalarán luminarias novas, con tecnoloxía LED, que substituirán ás lámpadas de vapor de sodio.
Esta segunda fase terá, á súa vez, continuidade coa terceira, que o goberno local levou ao pasado pleno da corporación municipal e que foi aprobada cos votos a favor de todos os grupos políticos.
“Para nós é unha prioridade”
Ao final da visita, o alcalde lembrou que vén defendendo esta infraestructura desde “incluso antes de chegar ao Concello”. “Para nós é unha prioridade que se resolva”, insistiu. Tamén se referiu á necesidade de axilizar todo o posible os trámites, que necesitarán aínda varios meses ata o comezo das obras, pero mostrouse optimista porque co proceso de expropiación que se iniciou hoxe “dáse un paso máis” para resolver os “serios problemas de seguridade viaria” que na actualidade ten a estrada. “Se a iso lle sumamos que agora mesmo estase a facer a obra do saneamento, entendo que os servizos básicos de Serantes e A Cabana vanse ver cumprimentados”, considerou o alcalde.
En canto á data de inicio das obras, Mato mostrou a súa confianza en que “dentro do primeiro trimestre do ano que vén deberan darse os primeiros pasos para a construcción das beirarrúas”.
A terceira fase, ao pleno da Deputación
O concelleiro de Urbanismo referiuse a continuación á fase do plan que afecta ao treito que continúa cara A Cabana. Julián Reina explicou que “esta mesma semana, despois da aprobación plenaria”, xa se lle remitiu á Deputación “toda a documentación que requería este proxecto”. A partir de agora, o seguinte paso é que o pleno do organismo provincial o aprobe definitivamente, para “continuar cos trámites normais”.