O parque do Río Freixeiro acollerá o vindeiro sábado, día 7, a Gran Festa Infantil Cidade de Narón. A alcaldesa, Marián Ferreiro, e a concelleira de Festas, Natalia Hermida, presentaron este evento, co que se celebrará o final do verán e que se desenvolverá en horario de mañá e tarde, de 12.00 a 14.00 e dende as 16.00 ata as 20.00.
Os nenos e nenas que acudan a esta cita terán a oportunidade de desfrutar con inchables –dous deles acuáticos: unha mega pista americana mollada de 50 metros de longo con trampolín e un deslizador xigante con tobogán será unha das novidades deste ano-. O inchable “Liga xustiza” ten un tobogán e unhas dimensións de nove metros de longo por cinco de altura; o da “Pista india” ten doce metros de longo e tres de altura e o inchable “Construtores”, para os máis pequenos, ronda os seis metros de longo por tres de altura. A maiores, neste evento festivo haberá tamén camas elásticas, un toro mecánico, e tamén outras propostas, tal e como avanzou Ferreiro, como xogos populares de madeira, un obradoiro de elaboración de chapas e mesmo un circuíto de karts.
A Gran Festa Infantil Cidade de Narón inclúe un espazo propio para xogos en familia, nos que todos os asistentes poderán desfrutar de propostas como “Pescapica”, dinamizado por un pescador; o “Tirachinas xigante”, para derribar caldeiros; “Vento en popa”, para divertidas carreiras de barquiños impulsados con soplos ou abanicos e “Balloon Plof”, con churros de piscina, globos e cestas para os nenos e nenas de menor idade.
Haberá tamén tempo para a animación na Gran Festa Infantil Cidade de Narón, de modo que ás 17.00 horas terá lugar o espectáculo familiar “Don Gelati”, a cargo de Dani García e protagonizado por un vendedor de xeados. Ao longo da tarde, entre as 18.30 e as 20.00 horas, haberá tamén batallas campais acuáticas e, antes de dar por rematada a celebración unha festa da espuma con animación.
A alcaldesa da cidade e a edil de Festas animaron ás veciñas e veciños de Narón e tamén doutros municipios a acudir a este evento festivo. “Temos propostas, todas de balde, para nenas e nenos de diferentes idades e tamén outras pensadas para que as persoas que os acompañen poidan desfrutar desta cita, coa que un ano máis queremos festexar o remate do verán na cidade”, asegurou Ferreiro.