O prazo para presentar alegacións á listaxe provisional das bolsas para os comedores escolares amplíase ao luns 16

O prazo para presentar alegacións á listaxe provisional de bolsas para os comedores escolares rematará o luns 16 de setembro. O período hábil de dez días laborais comezará mañá, logo de que o departamento de Benestar Social emendara esta mañá unha incidencia na transcrición dos datos a soporte informático.

Desde a concellería que dirixe Eva Martínez Montero solicitan ás persoas que xa consultaran as listas con anterioridade que revisen as que agora están dispoñibles no taboleiro de anuncios do Concello para asegurarse de obter a información correcta. Están á súa disposición tanto no Rexistro Central municipal como na dirección de Internet https://www.ferrol.gal/Sede/TaboleiroAnuncios.

As outras bolsas que vén de convocar Benestar Social, as de escolarización, non sofren variacións. Ambas axudas están dirixidas a menores escolarizados en calquera dos centros educativos públicos ou concertados de Ferrol, nos que se impartan estudos de educación infantil, primaria, secundaria, bacharelato ou formación profesional, tanto básica como de grao medio. As destinadas á escolarización consisten en vales de 95 euros por cada menor para a adquisición de material escolar e roupa deportiva. As de comedor subvencionan a totalidade do importe das comidas. O presuposto total supera os 251.000 euros, 268.000 para bolsas de comedor e 83.000 para as axudas á escolarización.

Lea también

Llega a Ferrol la exposición Promoción de actuacións financiadas cos fondos europeos

El teniente alcalde de Ferrol, Javier Díaz, ha inaugurado en la mañana de este viernes …