O Concello e o club NHD Adventure organizan a “I Carreira de obstáculos Cidade de Narón”

Jorge Prieto e José Oreona na presentación | Concello de Narón

O Concello colabora co club NHD Adventure na organización da “I Carreira de obstáculos OCR Cidade de Narón”. O edil responsable da área de Deportes, José Oreona, e Jorge Prieto, tesoureiro do club NHD Adventure, presentaron esta mañá o evento, que terá lugar o vindeiro 8 de setembro na pista de obstáculos de Narón, localizada no polígono de Río do Pozo. A maiores da parcela do club ocuparanse con obstáculos outras dúas anexas, ata completar un percorrido de sete quilómetros.

Prieto explicou que se estableceron un total de catro categorías: Élite, Popular, Equipos (entre 5 e 9 corredores/as) e Kids, esta última programada nun circuíto de obstáculos especial para nenos e nenas de entre 4 e 11 anos. Este circuíto para menores localizarase nas inmediacións da zona de saída e terá percorridos de entre 250 e 400 metros e de 8 a 10 obstáculos para os menores de entre 4 e 7 anos e de 450 a 700 metros e con entre 10 e 12 obstáculos para os nenos e nenas con idades comprendidas entre os 8 e os 11 anos. Para o resto de categorías o circuíto constará dunha distancia de sete quilómetros e terá entre 26 e 29 obstáculos. As saídas da categoría Élite serán a partir das 10.00 horas; as da Popular ás 11.00; as de Kids ás 12.45 (de 4 a 7 anos) e 13.15 (de 8 a 11 anos) e as de Equipos tamén a partir das 10.00.

O circuíto constará de fosos, barro, zonas de auga e túneles, entre outros elementos que non se desvelaron dende a organización, para que os asistentes disfruten ao máximo deste evento deportivo. Entregaranse premios aos tres primeiros clasificados das categorías masculina e feminina de Élite e Popular e tamén aos tres primeiros equipos populares e a todos os “finisher” da proba en todas as categorías.

As persoas interesadas en inscribirse na “Carreira de obstáculos OCR Cidade de Narón” poderán facelo ata o día 1 de setembro, incluído, a través das páxinas web: www.championchinorte.com ou www.ocragalicia.com, donde se pode consultar a regulamentación deste evento deportivo.

Prieto agradeceu a colaboración do Concello e a súa aposta por esta iniciativa pioneira impulsada dende o club naronés e animou á cidadanía a inscribirse na carreira.

Finalmente o concelleiro de Deportes destacou o traballo realizado para organizar o evento e recalcou “a aposta do goberno local por ofrecer novas actividades e propostas nesta área de deportes ás nosas veciñas e veciños e tamén á xente chegada doutros concellos”.

Lea también

Club Arco Narón compite en el Campeonato Galego de Equipos indoor

Este pasado sábado se celebró en Arteixo el Campeonato Galego de Equipos indoor. El Club …