O Concello de Ferrol programa para este primeiro semestre do ano, dez actividades do fomento do galego

O concelleiro de Normalización Lingüística, José Manuel Vilariño Anca, deu conta das actividades para o fomento do uso do galego que se desenvolverán ao longo do primeiro semestre deste ano. Un certame de poesía e imaxe, club de debate, exposicións itinerantes, obradoiros e música, forman parte do contido desta programación que responde aos obxectivos e medidas recollidos no Plan de Normalización Lingüística do Concello de Ferrol.

Ao respecto deste conxunto de iniciativas para a dinamización da lingua, José Manuel Vilariño sinalou que están principalmente dirixidas ao sector da mocidade e da infancia, posto que “se tivo en conta o feito de ser a poboación infantil e xuvenil a máis susceptible de cambiar os seus hábitos lingüísticos, e de ofrecer as mellores actitudes cara o galego”. Estes dous factores, explicou o edil, “converte a estes sectores da poboación nun dos máis interesantes para as acción de normalización, ademais do seu valor engadido de futuro”. Así mesmo, o titular de Normalización Lingüística salientou que esta programación tamén atende á “necesidade de axudar  no labor normalizador da lingua galega que se realiza dende as Equipas de Normalización Lingüística (ENDL) dos centros de ensino”, de aí que dende a Administración ferrolá se fomente a colaboración con entidades como a Coordinadora de ENDL e outras entidades locais.

Así as cousas, a oferta da Concellería que dirixe José Manuel Vilariño para o fomento do galego para esta primeira metade do 2012 divídese en dous programas: “Ferrol con lingua”, desenvolvido en exclusiva polo Concello e as Equipas de Normalización, e “FalaRRedes”. Este último está coordinado pola Rede de Dinamización Lingüística da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, da que forma parte o Concello de Ferrol.

“Ferrol con lingua”

Dentro do programa “Ferrol con lingua”, a Administración ferrolá oferta sete actividades, que son as seguintes. O Club de Debate, que persegue favorecer o uso oral do galego en contextos tanto formais como informais e potenciar o pensamento crítico e a oratoria. Consiste na confrontación de argumentos entre dous equipos, de mozos e mozas de 14 a 18 anos, que defenden en público dúas posicións enfrontadas sobre os temas obxecto de discusión. O Club de Debate desenvolvese de xaneiro a abril. En concreto, o concelleiro de Normalización Lingüística explicou que actualmente e até o vindeiro sábado está aberto o período de inscrición dos centros de ensino. A fase comarcal deste concurso terá lugar o 24 de marzo, mentres que a final disputarase en Pontevedra. Neste Club de Debate participan, ademais de Ferrol, os concellos de As Pontes, A Coruña, Santiago de Compostela, Pontevedra, Vigo, Betanzos, Carballo, Oleiros, Teo, Rois e Carral.

Outra actividade desenvolvida en exclusiva polo Concello é o Certame de Poesía e Imaxe “En galego sen filtro”, que chega a súa duodécima edición e está dirixido para todos os niveis do ensino non universitario. Enviáronse as bases do certame o pasado mes de xaneiro, con textos de diversas linguas do mundo e a súa correspondente tradución en lingua galega, co fin de que o alumnado, nos distintos niveis, lle poña imaxe ao texto. Jose Manuel Vilariño apuntou que como novidade, nesta edición ábrese a posibilidade de presentar o traballo nalgún dos formatos que ofrecen as novas tecnoloxías e que resultan máis atractivos para a mocidade. Ademais, séguese mantendo o percorrido por todos os centros de ensino da exposición dos traballos que se presenten a este concurso, que se pechará en maio, de tal xeito que permanece quince días en cada centro que o solicite como ferramenta didáctica.

“Imos de cine”, e outra experiencia  para o fomento do uso do galego da Área de Normalización Lingüística que se pon por primeira vez en práctica este exercicio. O edil José Manuel Vilariño explicou que esta iniciativa vai dirixida a alumnado de Infantil e Primaria, de tal xeito que se complementa o programa “En galego de película”, destinado a estudantes de Secundaria. As proxeccións de “Imos de Cine” terán lugar no Teatro Jofre, no que se poderán ver longametraxes e curtas en galego, como “A flor máis grande do mundo”, “A nena que tiña unha soa orella”, “O soldadiño de chumbo”, “Maxia na auga”, etc.

Iniciación ao portugués e festival de música

Obradoiros de Portugués simple, orientados a dous grupos de idade: entre 13 e 14 anos; e a partir de 16 anos (Secundaria, Bacharelato, FP e 2º ciclo da ESO) é outra das posibilidades que inclúe a programación de “Ferrol coa lingua”. O edil de Normalización Lingüística destacou ao respecto dos seminarios de portugués que “estes permitirán mostrar aos adolescentes como a lingua galega é unha  entrada privilexiada para acceder ao mundo en portugués”.

Por último, a Concellería de Normalización Lingüística da continuidade ao festival “A Mocidade coa lingua”, unha actividade que se converteu xa nun referente para a mocidade ferrolán. José Manuel Vilariño sinalou que a través deste proxecto, os mozos teñen a oportunidade de demostrar a súa capacidade creativa musical en galego. O festival musical ten lugar no mes de xuño e cada grupo participante ofrecerá dous temas, un con música e letra orixinal, e outro en que lle pon música a unha peza da literatura galega.

Programa FalaRRedes

Por outra banda, o titular de Normalización Lingüística detallou as tres actividades que se desenvolverán a maiores no marco do programa “FalaRRedes” da Secretaría Xeral de Política Lingüística, e que teñen por finalidade “potenciar a presenza do galego no tempo e nos espazos de lecer, fora do horario lectivo, tanto para os máis pequenos e as súas familias como para a mocidade”.

Así, José Manuel Vilariño explicou que unha destas actividades leva por nome “Galego de cine”. Ofrecerá aos nenos e nenas de 6 a 12 anos contidos audiovisuais producidos en Galicia en galego. A iniciativa desenvolverase dentro dunha caravana con actividades de comprensión dos filmes que impulsen aos cativos a expresarse en galego oralmente, e coa construción dun conto ideado polos pequenos. Empregarase ademais un vídeo-matón, a xeito de espazo para plasmar oralmente nun set de gravación o conto inventado durante o desenvolvemento da actividade.

“O señor das dunas”, contacontos para todos os públicos”; e “Tíreres Hop”, obradoiros musicais e teatrais para adolescentes, completan este programa para o fomento do galego que coordina a Xunta de Galicia e no que participa o Concello ferrolán.

Consello Sectorial da Lingua

O responsable das políticas municipais de Normalización Lingüística sinalou que a programación que hoxe presentou non está pechada, senón que as actividades de fomento do uso do galego ampliaranse co desenvolvemento doutras iniciativas que serán estudadas no Consello Sectorial da Lingua, grupo de traballo no que, ademais, se deseñarán os actos conmemorativos do Día das Letras Galegas. Ao respecto, José Manuel Vilariño avanzou que este órgano de participación cidadá quedará constituído en próximas datas, unha vez que o Concello reciba todos os nomeamentos das entidades e colectivos convidados a formar parte do devandito Consello.

Lea también

Últimos días en Fene para visitar a exposición Auga, terra, aire e lume

Este luns 29 de abril, pecha ao público a exposición Auga, terra, aire e lume, do …