Os actores Carlos Blanco e Xosé Antonio Touriñán, coa comedia “Unha noite na praia”, abrirán en setembro un amplo abano de espectáculos para todos os públicos que traerán ao Pazo da Cultura: Comedia, Recital, Teatro, Mentalismo e Maxia, Música, Circo, Ópera, Danza, Folk Rock Americano, Folck Tradicional e Góspel . O Padroado da Cultura retomará o venres, día 13 de setembro, a programación cultural do Pazo que se desenvolverá nos catro derradeiros meses do ano, para o que desde o vinteiro 21 de agosto estarán as entradas dispoñibles na billeteira do Pazo e na web: www.padroadodecultura.es.
En Setembro
Nas tres funcións (venres 13 ás 20.30 horas, sábado 14 ás 20.00 horas, e domingo 15 ás 19.00 horas) da comedia “Unha noite na praia” súbense ao escenario do Pazo os cómicos Carlos Blanco e Xosé Touriñán, que colgaron noutras ocasións rápidamente o cartel de entradas esgotadas, polo que previsiblemente esta nova posta en escea terá asimismo unha boa acollida entre o público que se achegue ao Pazo da Cultura naronés.
Cun recital poético-musical “De abrentes e ocasos” de Teatro do Atlántico, o venres día 20 ás 20.30 horas, no Café-Teatro do Pazo e desde o eido da poesía aparecen e ocupan o seu lugar o amor, a relación coa terra e a paisaxe, co campo e coa cidade; a loita social, a igualdade de xénero, a dura travesía dos expatriados, a guerra; cuestións que esixen ser abordadas desde o horizonte de Galicia e da lingua galega.
O domingo 22 ás 18.00 horas, a compañía Farrés Brothers SL achegaranos ao teatro xestual e monicreques coa obra “El silencio de Hamelin”. Qué pasaría se no conto do famoso frautista houbese unha nena xorda?. Obxectos, palabras, linguaxe de signos, un DJ particular… e as vantaxes de ter desvantaxes. Un espectáculo sobre as outras habilidades, sobre cousas que non se din… e que acaban por saír á superficie. Un espectáculo recomendado pola Rede Española de Teatros e Premio FETÉN 2018 á mellor proposta de inclusión.
O sábado 28 ás 20.00 horas, un bo remate de setembro coa obra de teatro clásico “Viejo amigoCicerón”, unha obra centrada na figura do soado orador romano. O actor José María Pou encarna o personaxe de Cicerón personificando a integridade moral de quen mantén a coherencia das súas conviccións políticas aínda nas máis adversas circunstancias. Político, xurista, orador, filósofo, divulgador, podería encarnar a soada máxima de Terencio pois nada do humano lle resultaba alleo.
En outubro
Chegado o mes de outubro, o sábado día 5 ás 20.00 horas, un espectáculo de mentalismo e maxia “Toni Bright. Volver a creer, magia de la mente” da man de quen algúns xa catalogan como o mentalista máis prestixioso do país, desprenderá moitas sorpresas desde o escenario do Pazo.
O Venres día 11, ás 20:30 horas, unha presentación teatralizada de canto e música, “O camiño”, levaranos a un percorrido polos diversos camiños de Santiago que entran en Galicia, posto en escena mediante a mestura de fotografía, video, presentación teatralizada, canto e música. Setestrelo quere, con este espectáculo, levar ao publico á fantasía de facer O Camiño de Santiago dende a súa butaca e poñer en valor a nosa música.
O sábado 12, ás 20.00 horas, a música de Jorge Drexler co seu concerto “SILENTE” supón un retorno a un dos seus formatos máis celebrados: unha guitarra e unha voz, combinados coas ferramentas contemporáneas para xerar paisaxes sonoras e visuais. Un concerto unipersoal co silencio como materia prima e marco para a comunicación.
O mércores 16 (ás 10.00 e ás 12.00 horas) e o xoves 17 ás 10.00 horas a Compañía Pedras de cartón traerá ao escenario do Pazo a obra “Lázaro de Tormes”, unha comedia para público de 10 a 13 anos que se enmarca na MOSTRA DE TEATRO para centros escolares.
O teatro clásico en gran formato levantará o telón do Pazo o sábado 19 ás 20.00 horas coa obra “Luces de Bohemia”, un traballo que revolucionou o teatro, abrindo con él un novo xénero, o Esperpento, que rompe coas convencións escénicas da etapa anterior. Luces de Bohemia é o mellor esperpento de Valle Inclán, no que se mesturan a visión do mundo bohemio, literario, e a realidade revolucionaria da súa época. É a modernidade na súa forma máis pura: ademais da «deshumanización” vangardista , anticipa a teoría do «distanciamento» do teatro de Bertolt Brecht, o teatro do absurdo da posguerra. Adéntrase na condición humana, a alienación do home moderno. Luces de Bohemia é un ataque feroz contra a España da súa época. Integra o expresionismo, e exponse como un movemento de rebeldía. Esta obra arremete contra toda unha sociedade. Pero ademais, xa en pleno século XXI, podemos afirmar que se converteu nun clásico da literatura.
O domingo 20, ás 18.00 horas, o espectáculo “La banda de otro – Yee-Haw” dos ´Hermanos inconfundibles´ farán que o circo, a música e o humor aneguen o escenario da man dunha banda da que a súa orixe está nalgún lugar do oeste de ´Andaluisiana´, ainda que as súas frecuentes fugas fan que sexa difícil atopalos nun lugar específico.
O martes 22 (ás 10.00 e ás 12.00 horas) e o mércores 23 ás 10.00 horas a compañía Elefante Elegante trae o espectáculo “Patatúm”, un teatro visual sen palabras, para público infantil entre 6 e 9 anos.
O sábado 26 ás 20.00 horas, Chévere leva ao teatro a historia da “Curva España”, un lugar na antiga estrada de Ourense onde o enxeñeiro José Fernández España morreu en 1927 cando deseñaba a liña ferroviaria entre Puebla de Sanabria e Ourense. Na orixe deste novo proceso creativo de Chévere (Premio Nacional de Teatro 2014), converxen varias fontes de inspiración.
O martes 29, rematando outubro, ás 10.00 e ás 12.00 horas, e o mércores 30 ás 10.00 horas, será unha comedia “Os fillos do sol”, de CONTRAPRODUCIÓNS SL, será o espectáculo que a Mostra de Teatro para os Centros escolares adicará a un público de 14 a 17 anos.
En novembro
Comezaremos novembro coa ópera “Pagliacci”, o sábado día 2 ás 20.00 horas. A música e o libreto en italiano pertencen ao compositor Ruggero Leoncavallo e relata a traxedia dun marido celoso e a da súa muller nunha compañía teatral da comedia da arte.
O domingo 3, ás 18.00 horas, a compañía Teatro do Noroeste representará a comedia musical “Animais de compañía” para un público infantil a partir de 6 anos.
O martes 5, ás 10.00 e ás 12.00 horas, e o mércores 6 ás 10.00 horas a compañía Ghazafelhos porá en escena “Acuario” dirixida a un público infantil de 3 a 5 anos, enmarcada na Mostra de Teatro para centros escolares.
O sábado 9, ás 20.00 horas, a danza será protagonista no Pazo coa obra “Tejidos al tiempo”, historia contada cunha nova linguaxe visual, pero que recorre a medios expresamente flamencos. Unha reflexión sobre o tempo, a vida e a loita para conquistar a morte, algo que só será posible creando unha nova vida.
O domingo día 10 no Café-Teatro do Pazo da Cultura, ás 18.00 horas, a compañía Caramuxo Teatro representará o espectáculo “Ñam!”, unha comedia para público infantil a partir de 1 ano.
O sábado 16, ás 20.00 horas, unha obra dramática da compañía Sarabela Teatro, “Crónicas do Paraíso”, presenta ao público un universo viaxeiro poboado por bandidos, armas, diñeiro e sangue, pero non hai mortes, ninguén more, quizais porque estean todos mortos ou porque o verdadeiro bandido siga eternamente vivo. Os negocios escuros colocan os personaxes en situacións irónicas entre a vida e a morte onde a eternidade acaba por afirmarse como o máis duro castigo xudicial.
O sábado 23 ás 20.00 horas, Mos presenta o seu novo disco “Contracorriente”. Un proxecto en solitario con cancións propias mesturando diferentes estilos: Folk rock americano, country, funky, pop, etc.
O sábado 30, ás 20.00 horas, o Folck tradicional soará no Pazo coa presentación dun novo CD chamado “Vortex” do internacionalmente coñecido Anxo Lorenzo. Un álbum “cociñado” lentamente en Galicia, Irlanda e Escocia con colaboracións especiais de músicos famosos do mundo do folk. Novas composicións e sorprendentes arranxos onde Anxo, unha vez máis, leva as gaitas galegas e asubíos ao límite co seu particular estilo xunto co fantástico violinista irlandés Eoghan Neff.
En decembro
E comezaremos o derradeiro mes do ano, decembro, o sábado 7 ás 20.00 horas, cunha ópera infantil coa Orquestra Sinfónica de Galicia, co título “O loro de Carlos V”, unha ópera buffa para todos os públicos baseada nunha idea orixinal do compositor Nani García. É un canto infantil e ao mesmo tempo unha obra artística con vocación de entusiasmar e emocionar ao público máis esixente.
O domingo 15, ás 18.00 horas, a compañía Pérez & Fernández representará a comedia “Os nenos da Vaiola” para público infantil a partir de 7 anos.
O sábado 21, ás 20.00 horas, a danza de Xabier Díaz e As Adufeiras de Salitre co espectáculo “Noró” fan unha revisión actual dun traballo de investigación e recuperación de música da Fonsagrada, Laxe, Nuez de Aliste, Vimianzo ou Quintanilla del Monte; pezas que conforman o noso ADN musical.
E rematamos a programación deste ano no Pazo da Cultura cun espectáculo que xa é un clásico do Nadal europeo, o Góspel que nesta ocasión virá a Narón coa agrupación coral The Mississippi Mass Choir baixo o título de “When Gospel was Gospel” será de seguro unha cita marcada en vermello no calendario para moito público naronés e mesmo de outros lugares.
A alcaldesa e presidenta do Padroado de Cultura de Narón, Marián Ferreiro, expresou o seu interese por ofrecer á cidadanía unha ampla programación que cumpla todas as expectativas, de calidade e cantidade, e que contemple todos os xéneros artísticos que satisfagan aos diversos públicos que se achegan ao Pazo de Cultura, e desexa que as veciñas e veciños de Narón e persoas visitantes desfruten grandemente destes eventos nestes meses.