A tarde do sábado 31 estará dedicada en Amboage aos máis pequenos. Con motivo das festas, e como parte do programa Apego, para a dinamización da lingua galega, a praza converterase nunha gran ludoteca chea de xogos tradicionais, moitos procedentes de todo o mundo e outros especificamente deseñados para esta actividade. Desde a concellería de Normalización Lingüística, responsable da iniciativa, destacan que algúns deles incluso están avalados por correntes pedagóxicas como a Montessori. Dous monitores profesionais encargaranse de atender aos participantes e explicarlles a mecánica destes entretementos, dos que terán a oportunidade de gozar entre as 18 e as 20 horas. Poderán participar nenos a partir de dous anos de idade.
O departamento que dirixe a concelleira Cristina Prados preparou para darlle continuidade a esta xornada infantil das festas, e tamén dentro do programa Apego, un espectáculo a cargo de Fantoches Baj. Trátase de Os romeiros do caracol, que inclúe, ademais de moita música, co acordeón diatónico de Carlos Quintá, recursos do teatro popular, como monicreques, cartel de cego, máscaras, reque-reque e un limberjack. A trama xira en torno aos ritos e lendas de Santo André de Teixido, recollidos da obra Romarías e santuarios de Galicia, de Antón Fraguas, e adaptados ao público familiar. A representación será no mesmo espazo, a praza de Amboage, e comezará ás 20 horas.
As concellerías implicadas no deseño das festas de Ferrol están a pechar os últimos detalles da programación, que nos próximos días se dará a coñecer na súa totalidade.