O Concello e o Club Tenis de Mesa Narón organizan o “XX Torneo Tenis de Mesa Cidade de Narón” que se disputará o vindeiro 11 de agosto

José Oreona e Fernando Montero na presentación do XX Torneo Tenis de Mesa Cidade de Narón | Concello de Narón

O concelleiro de Deportes, José Oreona, e o presidente do Club Tenis de Mesa Narón, Fernando Montero, presentaron esta mañá a vixésima edición do “Torneo Tenis de Mesa Cidade de Narón”. Este evento deportivo terá lugar o vindeiro 11 de agosto, entre as 10.00 e as 19.30 horas, no pavillón polideportivo Campo da Serra e as persoas interesadas en participar poderán anotarse ata o vindeiro luns, día 5 a través do correo electrónico do club: tenisdemesanaron@gmail.com.

Oreona explicou que se disputarán as categorías de Benxamín, Alevín, Infantil e Absoluta, masculinas e femininas. O edil naronés animou ás veciñas e veciños da cidade a anotarse neste evento deportivo e tamén a acudir a ver aos xogadores e xogadoras que cada ano participan no mesmo.

En canto á participación, o presidente do club –organizador do torneo co Concello- avanzou que polo momento hai inscritas sesenta persoas de clubs de tenis galegos pero tamén procedentes de países como Portugal ou Bélxica. Montero explicou que haberá medallas para os catro participantes mellor clasificados en todalas categorías. Así mesmo, haberá como novidade un torneo de 3 puntos, eliminatorio, no que participarán os inscritos no torneo e que será por tandas eliminatorias, cun premio de 100 euros en metálico. Montero agradeceu a “colaboración e todas as facilidades que dende sempre nos presta o Concello de Narón para organizar calquera evento deportivo”.

A maiores do torneo este club naronés celebrará tamén a vindeira semana, do 6 ao 11 de agosto, o campus “Tenistas no camiño”, no que participarán unha vintena de nenas e nenos de entre 10 e 14 anos e que a maiores de practicar xogando ao tenis no pavillón Campo da Serra e pernoctar en Aldea Nova, realizarán varias saídas turísticas por Narón e comarca por diferentes áreas naturais, pernoctando en Aldea Nova. O campus –enmarcado no Xacobeo 2021- arrincará o vindeiro martes, día 6, cunha camiñata por un tramo do Camiño Inglés que partirá ás 16.00 horas do mosteiro do Couto e incluirá tamén ata o domingo outras saídas e varias exhibicións de tenis.

O edil de Deportes naronés destacou o traballo do Club Tenis de Mesa Narón, así como os éxitos acadados por xogadores e xogadoras do mesmo nos últimos anos. “Este club é a día de hoxe toda unha referencia no mundo do tenis de mesa, un exemplo entre o amplo e cualificado tecido deportivo da nosa cidade, que é todo un orgullo para os naroneses e naronesas”, asegurou Oreona, destacando no caso do Tenis de Mesa Narón o feito de que leve vinte anos celebrando este torneo.

Lea también

109 participantes acuden ó XIX Torneo Cidade de Narón de Tiro con Arco

O pavillón polideportivo municipal da Gándara acolle este sábado 23, a décimo novena edición do …