A Comisión de Benestar Social, Igualdade, Muller, Xuventude e Patrimonio Histórico vén de ditaminar esta mañá a favor da adhesión do Concello de Ferrol ao convenio entre a Xunta de Galicia e a Fegamp sobre a historia social única electrónica (HSUE). A proposta contou cos votos a favor dos representantes do PP, do PSOE e de Ferrol en Común, mentres que a vogal do BNG reservou o seu voto para o pleno.
A historia social única electrónica é un sistema que reúne toda a información dispoñible sobre os usuarios dos servizos sociais, polo que se trata «dunha ferramenta que axilizará e mellorará o traballo do persoal técnico», lembrou a concelleira de Benestar Social, Eva Martínez Montero, tras a xuntanza da comisión. A edil insistiu en que a adhesión será «moi importante para a optimización desta área municipal», que en Ferrol, lamentou, «levaba tempo bloqueada sen ningunha razón aparente». Dixo tamén que este «é o primeiro paso cara unha modernización necesaria na prestación dun servizo esencial, como é o vencellado ao benestar social», polo que había que sacalo adiante «canto antes». «Ferrol non podía quedar atrás da maioría dos concellos, que xa teñen firmada a adhesión», concluíu a concelleira.
Axudas á escolarización e bolsas de comedores
Durante a reunión tamén se deu conta da apertura do prazo para optar a axudas á escolarización e a bolsas de comedores. Pódense pedir ata o próximo 14 de agosto e están destinadas a menores empadroados en Ferrol que cursen os seus estudos tanto en centros públicos como concertados. As solicitudes, coa documentación recollida nas bases, deben presentarse no rexistro municipal.
As axudas destinadas á escolarización consisten en vales de 95 euros por cada menor para a adquisición de material escolar e roupa deportiva. As becas de comedor subvencionan a totalidade do importe das comidas.
Toda a documentación referente á convocatoria pódese consultar no Rexistro Xeral do Concello de Ferrol e no taboleiro de anuncios da páxina web municipal: https://www.ferrol.gal/Sede/TaboleiroAnuncios.
El BNG siempre está por dar la nota…