O pemento do Couto foi este domingo o protagonista da Festa gastronómica que se celebrou na parroquia naronesa do Couto. O evento alcanzou este ano a súa vixésimo primeira edición e reuniu a seiscentas persoas nun xantar popular –para o que se esgotaron os tickets- que se celebrou ao mediodía na zona da carballeira localizada nas inmediacións do Centro cívico social do Couto. O Concello organizou o evento en colaboración coa AVV do Couto, a Cooperativa do Val e a Orde de Damas e Cabaleiros do Pemento do Couto.
A cita deste domingo comezou ás 13.00 horas no Centro cívico social do Couto. A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, foi a encargada de abrir o acto oficial, agradecendo o traballo realizado tanto dende a AVV do Couto como dende a Cooperativa do Val e a Orde de Damas e Cabaleiros do Pemento do Couto para manter viva na parroquia esta celebración e “sen os que non sería posible realizar este evento”, asegurou. Ferreiro desexou aos asistentes que desfrutasen da celebración para, a continuación, dar paso á lectura do pregón desta convocatoria, a cargo do artista local Leandro Lamas.
Na súa intervención Lamas contou un conto “que nada ten de real e que a min contoumo un paxaro, un paxaro verde como os pementos do Couto”, indicou. A catequista Catalina, o crego Don Gaspar e o sacristán, Froilán, eran os protagonistas da historia, datada no ano “mil douscentos e pico” e localizada no mosteiro do Couto e na que se contaba unha particular vivencia sobre a semente e o nacemento dos primeiros pementos do Couto, “os máis saborosos do mundo mundial”.
Unha vez rematado o pregón o presidente da Orde de Damas e Cabaleiros do Pemento do Couto, Tomás Casal, tomoulle xuramento ao novo integrante da Orde, o enxeñeiro agrónomo naronés Francisco Pico Sanjurjo, que recibiu a tradicional capa verde e o pemento de prata de mans do presidente da AVV do Couto, Ramón Couto. A organización recoñeceu con esta distinción o labor realizado por Pico Sanjurjo cando se comezaron a realizar os trámites oportunos para que se concedese ao pemento do Couto o distintivo de Indicación Xeográfica Protexida, co que conta dende o ano 2010. O homenaxeado agradeceu a distinción aos organizadores desta festa e tamén tivo palabras de agradecemento “para todos os agricultores que, ao final, son os que loitan para que todo isto saia adiante”
Tralos actos oficiais os asistentes desprazáronse á zona da carballeira, donde desfrutaron dun xantar popular a base de churrasco e cachelos con pementos do Couto –dos que se fritiron douscentos quilos- pan, bebidas e café ao tizón. O grupo musical Horizonte amenizou a festa dende as 17.30 horas e a partir das 19.00 continuou co concerto do grupo Farrapos de Ghaita.
O programa deste evento festivo comezou a desenvolverse o sábado, coa cita das Noites no mosteiro. Ás 20.00 horas o chef Héctor López cociñou no Couto varias elaboracións co pemento do Couto como ingrediente principal, entre elas: bonito curado con vinagreta tibia de pemento do Couto; tataky de tenreira galega con pementos do Couto encurtidos e sardiña, pan de broa, pementos do Couto e maionesa de carbón. Numerosos veciños e veciñas acudiron a ver cociñar ao chef, copropietario do restaurante lucense “Español”, e degustaron posteriormente as elaboracións realizadas durante o showcooking.
Tamén na noite do sábado se iluminou con luces de cores o exterior do mosteiro de San Martiño de Xuvia e o interior da igrexa e, nesta mesma ubicación, tiveron lugar concertos de arpa celta a cargo da artista Bleuenn Le Friec, nativa da Bretaña francesa e residente en Galicia. A continuación tivo lugar no exterior do cenobio a performance Fadas da Noite, na que dúas fadas con vestidos de led reproduciron unha coreografía.