Un total de 494 persoas asistirán ao xantar que se celebrará o vindeiro sábado, día 22, no marco do VIII Encontro Comunitario organizado polo Concello de Narón, en colaboración con varias entidades. A cita inclúe unha variada programación que se desenvolverá en horario de mañá e tarde está aberta á cidadanía en xeral, polo que poderán desfrutar da xornada todas as persoas que o desexen.
Ás 11.50 horas haberá un espectáculo de danza oriental, para continuar coas actuacións do Pequecoro -12.10-; das Cantareiras do Val -12.20- e a actuación de dous grupos da Escola de Música Moderna de Narón -12.30-, Carlos Pouso e Mantra.
A continuación, sobre as 12.45 terá lugar unha sesión de musicoterapia e ás 12.55 outra de cancións de animación que precerá a unha actuación de música coral –a partir das 13.05-.
Teatro e canto da Asociación Cultural ASCM e a iniciativa Narón visión -13.35- completarán a programación da mañá.
O xantar comunitario será ás 14.00 horas e pola tarde retomarase a programación con música -16.00-, sesións de zumba e baile e a actuación de Adrián Fe e Extracheese –a partir das 17.30- e unha nova actuación musical -18.00- para pechar o Encontro sobre as 19.30 horas.
Na zona na que se desenvolverá o evento instalaranse varias jaimas nas que haberá exposicións solidarias e tamén demostracións en vivo de artesanía, entre as 12.00 e as 14.00 horas e pola tarde de 16.00 a 19.30.
As persoas que se despracen a Xuvia para acudir ao Encontro Comunitario poderán ver unha mostra de torneado artístico da madeira, a cargo da Asociación de Toneiros da Madeira Virutas, xogos de mesa a cargo do Círculo de Xadrez Narón; unha mostra de bordado e bolillos da AVV Altea, de Xuvia; unha mostra de xogos orientais a cargo da asociación cultural Gaikai; traballos realizados polo Club de calceta e o Club de confección da Sociedade Cultural Areosa, de Piñeiros; unha mostra de pintura da AVV da Solaina; unha mesa informativa da Asocación Cultural ASCM; outra de bolillos da AVV Virxe do Mar; unha mesa informativa do Centro de Recursos Solidarios; un puzzle xigante de Aspanaes; mesas informativas do Club Tenis de Mesa e da iniciativa O noso momento e unha mesa informativa sobre fibromialxia.
A programación inclúe ademáis roteiros de sendeirismo polo entorno natural e patrimonial, cun itinerario pola zona duns dous quilómetros e que se realizará en dúas quendas, pola tarde, en canto se formen grupos cun grupo mínimo de persoas para realizalos.
A maiores, os nenos e nenas poderán desfrutar dunha gran variedade de xogos infantís durante todo o día, entre as 12.00 e as 14.00 e pola tarde de 16.00 a 19.30 horas.
Este ano colaboraron co Concello na organización deste evento as asociacións de veciños de Freixeiro, San Xiao, Xuvia, Virxe do Mar, Chafarís e A Solaina, así como o Centro Comunitario Manuela Pérez Sequeiros, o Club de Xubilados e Pensionistas Santa Icía, a Fundación Terra de Trasancos da cooperativa do Val, Aspanaes, a ASCM Narón, a Asociación Nosa Señora de Chamorro, Aspanemi, a Asociación da Terceira Idade de Pedroso, a asociación Gaikai, a Asociación de Torneiros da Madeira Virutas, o Círculo Xadrez Narón, a Sociedade Cultural Areosa, Affinor e o Club Tenis de Mesa Narón.