O Concello de Narón organiza, en colaboración co “Club de ganchillo Café y ovillo”, a primeira edición do encontro Tecendo na rúa. A cita será este sábado pola tarde, a partir das 16.00 horas, na Praza da Gándara, donde se instalará unha pequena carpa con mesas e sillas para esta actividade. A impulsora e profesora do citado club de ganchillo, Manoli López, recordou que esta iniciativa, pioneira na comarca, xorde para conmemorar este mes o Día Mundial de Tecer en Público, que se celebra cada 9 de xuño dende o ano 2005.
As persoas que desexen participar neste encontro poderán facelo, tal e como explicou Manoli López, levando tan só as súas agullas, o fío e a labor que queiran realizar para tecer pola tarde na citada ubicación. “Con este tipo de iniciativas tratamos de dar visibilidade ás tecedoras sacando este arte ás rúas,
e ofrecendo á cidadanía en xeral a posibilidade de participar neste encontro e animándose a tecer con nós e independentemente da súa idade”, indicou López.
O «Club de ganchillo Café y ovillo» creouse no ano 2018 e conta xa cunha vintena de integrantes, a de menor idade de oito anos. Reúnense cada semana, os mércores e venres, no local social de San Mateo, donde realizan diferentes traballos.