O Concello de Valdoviño vén de abrir a inscrición na cuarta edición da carreira Volta ás Forcadas. Trátase dunha cita deportiva coa que crear e fomentar hábitos de vida saudable entre a veciñanza, abandoando o sedentarismo e ofrecendo a posibilidade de ocupar de forma saudable o seu tempo de ocio. Un obxectivo que pasa porque a actividade física en nenos e en familia sexa un elemento fundamental das persoas. De aí esta carreira, onde o importante non son os resultados, senón a participación.
Nesta liña, o edil de Deportes, Sergio Saavedra, sinala que a IV Volta ás Forcadas celebrarase o día 16 de xuño, a partir das 11 horas e punto de partida en Loira. Permitirá aos participantes descubrir un entorno natural único como é o encoro das Forcadas, considerado xa o segundo mar do municipio.
Nela poderán participar nenos e maiores e, segundo a idade, estas son as categorías, con distancias adaptadas a estas: Pitufos (2014 e posteriores): 100 metros; Prebenxamín (2012-2013): 100 metros; Benxamín (2010-2011): 800 metros; Alevín (2008-2009): 1.200 metros; Infantil (2006-2007): 1.200 metros, Cadete (2002-2005): 2.500 metros; Sénior (1985-2001): 7.800 metros, e Veteranos A (1968-1984): 7.800 metros, e Veteranos B (1967 e anteriores): 7.800 metros. En todo caso, a saída irase realizando de forma escalonada entre as 11 e as 11,30 horas.
A cuota para as categorías sénior é de 4 euros e gratuíta para as restantes. Para anotarse (ata o 13 de xuño incluído), o Concello pon a disposición da veciñanza a seguinte web: www.galitiming.com.