Narón acollerá esta fin de semana a “XIV Concentración Moteira” e as “IX Xornadas de Turismo Activo”

Narón acollerá esta fin de semana, dende o venres e ata o domingo no paseo marítimo de Xuvia, a décimo cuarta edición da Concentración Moteira Cidade de Narón, organizada polo Motoclub Fojeteiros, en colaboración co Concello. No marco deste evento celebrarase tamén a novena edición das Xornadas de Turismo Activo.

A alcaldesa en funcións, Marián Ferreiro, e os edís tamén en funcións de Deportes e Turismo, Román Romero e Natalia Hermida, presentaron o evento acompañados por José María López Quintián, presidente do Moto Club Fojeteiros, e Jorge Prado, vogal da entidade. Centos de persoas reuniranse de novo na cidade con motivo desta convocatoria, na que as motos, a música e o turismo centrarán a programación dos tres días.

O venres

O venres día 31 de maio ás 18.00 horas inaugurarase a concentración moteira, abrindo o prazo de inscricións, cun mercadillo moteiro e tamén haberá un simulador de caballitos. Ás 21.30 horas celebrarase unha cea na carpa instalada para a ocasión no paseo de Xuvia e a partir das 22.30 comezará a música, cos concertos a cargo dos grupos Fito Fito Gorgorito –tributo a Fito&Fitipaldis-, La Frontera e Sintrom ni Son.

O sábado

Na xornada do sábado a programación retomarase ás 9.00 horas, cun almorzo moteiro tamén en Xuvia e ás 10.00 horas abriranse as inscricións, e o mercadillo moteiro. Os asistentes que se inscriban desprazaranse á vila de Cedeira, partindo de Narón ás 11.00 horas no marco das Xornadas de Turismo Activo e regresarán sobre as 14.00 horas para xantar baixo a carpa de Xuvia.

Os espectáculos de motos chegarán pola tarde, tamén no paseo de Xuvia, ás 17.30 horas, donde haberá unha exhibición de Trial Show, con Jordi Pascuet e Marcel Justribo. Tralas exhibicións, sobre as 21.00 horas, haberá unha cea na carpa e procederase á entrega dos trofeos.

Será un ano máis a Ruta das Antorchas unha das citas máis esperadas deste evento. A partir das 23.30 horas os moteiros sairán do paseo de Xuvia pola estrada de Castela portando candeas –á xente que verá o paso das motos dende as inmediacións do citado vial dende as beirarrúas entregaránselle banderíns a partir das 23.00 horas- que iluminarán ao seu paso o citado vial ata a Ponte das Cabras e de regreso ao paseo de Xuvia. Finalmente, sobre as 00.30 horas terá lugar a Festa Moteira, co DJ Josy da Graver.

O domingo

O domingo ás 10.00 horas será o almorzo moteiro en Xuvia e ás 11.30 horas os motoristas partirán cara a Valdoviño, nunha nova Ruta Mototurística e na que tomarán un aperitivo. Ao mediodía, ás 14.30 horas será o xantar na carpa e sortearanse varios agasallos e ás 16.00 horas pecharase esta nova edición da Concentración Moteira Cidade de Narón.

O presidente do Moto Club Fojeteiros agradeceu a colaboración prestada polo Concello e, animou á todo o mundo, non só aos moteiros e moteiras, a achegarse e «desfrutar  dunha fin de semana espero que moi agradable”.

Pola súa parte, Marián Ferreiro incidiu en que se trata “dun dos eventos máis importantes do noso concello” e animou á cidadanía a gozar da programación que a partir do venres se desenvolverá na cidade. Así mesmo, destacou que se trata “dunha concentración que reúne deporte e ocio e que xerará un importante retorno no sector hostaleiro e comercial da cidade, e tamén noutros municipios da comarca”. Así mesmo, a alcaldesa en funcións destacou e agradeceu o labor do Motoclub Fojeteiros.

 

Lea también

La AD Náutico de Narón obtiene buenos resultados en el Cto de España de Duatlón

Buenos resultados del Shark Team en el Cto de España de Duatlón disputado en Ciudad …