O Concello organiza en colaboración con familias e a ANPA do CRA un acto reivindicativo para instar á Xunta a reabrir a escola de Pedroso

A alcaldesa e a concelleira de Ensino en funcións, Marián Ferreiro e Mercedes Taibo, respectivamente, participarán este martes pola tarde, entre outros representantes do equipo de goberno, no acto
reivindicativo organizado polo Concello, en colaboración coas familias que queren escolarizar aos seus fillos e fillas na escola de Pedroso e tamén coa ANPA do CRA. O obxectivo desta convocatoria, que dará comezo ás 18.30 horas na escola de Pedroso, é instar á conselleira de Educación, CarmenPomar, a que confirme ás familias a reapertura, no curso 2019-2020 da escola unitaria de Pedroso.

O centro rexistrou para o vindeiro curso, tal e como explicou Ferreiro, o número mínimo de matrículas –seis- que a administración autonómica esixe para manter abertos estes centros dos núcleos rurais. Os pais e nais dos seis menores urxen que se confirme a reapertura do centro antes do inicio do período de formalización da matrícula, do 20 ao 30 de xuño.

A convocatoria terá un inicio festivo, á par que reivindicativo, e por iso dende o Servizo de Normalización Lingüística de Narón programouse unha actividade, un contacontos infantil baseado na tradición oral: Pepiña Maruxiña quere voar, a cargo de Barafunda Animación. Pepiña Maruxiña é a protagonista desta obra, na que vivirá unha aventura polo xardín á procura dunhas ás, na que coñecerá varios animais que a axudarán a cumprir os seus desexos de voar. O conto baséase na tradición popular de cantarlles ás xoaniñas para protexelas e que emprendan o voo, para coñecer con quen vas casar, como facer que haxa boas colleitas ou que faga bo tempo… A esta actividade pode asistir calquera familia que queira amosar o seu apoio á reapertura da escola de Pedroso (ou tan só presenciar a actuación).

A continuación os asistentes realizarán un acto simbólico, abrazando cunha cadea humana a escola de Pedroso para rematar coa lectura dun manifesto, a cargo das familias. Dende o goberno local manifestouse o “total apoio ás familias de Pedroso para que a reapertura da escola da parroquia sexa unha realidade o vindeiro curso porque hai demanda de prazas e familias que teñen dereito, ao igual que pasou en centros similares, a que esta escola abra de novo as súas portas

Lea también

Axenda en Narón do 22 ao 23 de novembro

Venres 22 de novembro de 2024 Actividade: Obradoiro de defensa persoal para as mulleres Hora: …