Ferrol en Común proclama que a transformación social será feminista ou non será. De feito, «a nosa organización ten aprobados entre os documentos nucleares: código ético e programa, un documento completo de feminismos, no que se recolle, na escrita, a obriga dos cargos públicos de orientar e facer políticas desde todas as áreas como instrumentos para a loita pola igualdade, considerándoo non unha área en si mesma, senón unha ferramenta transversal que asolague de feminismo a nosa cidade en todas as súas políticas públicas«.
A loita contra o patriarcado, a sonoridade, o empoderamento e loita fraterna das mulleres que eclosionou nas rúas nos últimos anos no 8 de marzo, se cadra aínda con mais pulo neste pasado marzo no que se desbordaron, en lila, o Cantón e Amboaxe. No obstante, este empeño no «que tanto levamos avanzado coa forza conxunta de todas, debe consolidarse na autoorganización, pero tamén no estímulo de políticas públicas de loita contra o machismo e a violencia derivada deste, contra a fenda salarial, a prol da diversidade e liberdade, na construción de redes de axuda mutua e, por suposto, na colaboración e potenciación de entidades de mulleres, tanto no ámbito urbano coma no rural«.
Entre os obxectivos que se marcan dende Ferrol en Común para este próximo ciclo político son:
Desenvolvemento e aplicación do regulamento do Consello sectorial municipal de igualdade, feminismos e diversidade.
Programas de prevención da violencia machista, «seguindo a senda de Ferrol en Negro dende idades temperás«.
Promoción da conciliación e coeducación, «con programas como PequeEduca en igualdade e outros semellantes«.
Posta en valor do feminismo «a través de iniciativas como Ferrol en Lila, a revista Machina e documentar a memoria das nosas maiores escurecida polo patriarcado«.
Incremento dos orzamentos municipais dedicados á concellería da muller, «co fin de romper os teitos de cristal e poder converter a Casa da Muller en epicentro do empoderamento feminino«.
Dotar de máis recursos persoais e materiais á Casa de acollida municipal, «co fin de ofertar unha atención integral ás súas usuarias que lles permita afrontar un novo proxecto de vida, a través da asistencia social, xurídica e psicolóxica, así como unha política de inserción laboral que permita un desenvolvemento autónomo como mulleres libres«.
Ferrol en Común loitará para facer realidade o dereito a que se practique na área sanitaria e no ámbito público «as interrupcións voluntarias do embarazo, sen consentir regresións no dereito ao aborto«.
Crear a Escola de empoderamento feminista, de carácter itinerante: «favorecer a visibilización e a participación das mulleres e mozas de colectivos con necesidades sociais«.
Revisar o protocolo de prevención e denuncia do acoso sexual e moral; «continuar coa aposta por usar unha imaxe e unha linguaxe igualitaria nas accións municipais de comunicación«.
Incorporar a perspectiva de vulnerabilidade a todas as políticas, estratexias, programas e accións en materia de igualdade de xénero e promoción dos dereitos das mulleres.
Estender os Obradoiros de igualdade e corresponsabilidade dirixidos ao alumnado dos centros educativos. «Crear Obradoiros de homes interesados en abrir un espazo de reflexión vivencial que facilite a transición necesaria para acadar unha igualdade real entre mulleres e homes«.
Ferrol en Negro: «Seguiremos vestindo de loito contra a violencia machista e o patriarcado estrutural, levando a cabo programas de prevención da violencia machista«.
Políticas de empoderamento feminino: «Levaremos a cabo obradoiros de igualdade e corresponsabilidade nos colexios e poremos en valor ó feminismo a través de iniciativas como Ferrol en Lila, a revista Machina ou documentais das nosas maiores silenciadas polo patriarcado«.
Medidas para a conciliación: «Apostamos pola conciliación e coeducación, con campamentos, no urbano e no rural, que loitan contra roles de xénero e profundan na igualdade desde a corresponsabilidade«.
Dotaremos de máis recursos a Casa de Acollida e Casa da Muller: «Aumento do orzamento dedicado a concellaría de muller, fortalecendo a atención integral ás usuarias e revisión o protocolo de prevención e denuncia do acoso sexual«.