Olaia Ledo: “Queremos que Narón dea un paso máis e o BNG ten un proxecto ilusionante para facelo realidade”

A candidata do Bloque Nacionalista Galego á Alcaldía de Narón, Olaia Ledo, asegurou este mércores no acto de presentación da lista coa que a organización concorre ás eleccións do 26M que “estamos moi orgullosos do traballo desenvolvido estes anos polo BNG no cogoberno de Narón, mais cremos que agora é o momento de dar un paso máis, e por iso presentamos un grupo de persoas e un proxecto para ilusionar á veciñanza de Narón e para poder conquerirmos un futuro mellor”.

Nun local social da Gándara ateigado que contou coa presenza do deputado no Parlamento galego Xosé Luís Rivas “Mini”, a candidata nacionalista quixo resaltar o valor do equipo que integra a lista por seren “persoas que cren no colectivo e que non se conforman con que agora movan a terra do futuro centro de saúde, senón que queren que se encha de contido e que se ofrezan todas as especialidades que precisa unha cidade de 40.000 habitantes”.

Ledo recoñeceu o traballo dos concelleiros do BNG no cogoberno naronés e, recollendo ese testemuño, apostou por “dar un paso máis cun proxecto ilusionante e transformador”. Avogou por “gañar o espazo público, cohesionar o concello dotando de servizos e oportunidades a todas as parroquias, sen diferenzas, e, por riba de todo, por pór ás persoas no centro da vida municipal, afastándonos daqueles que queren volver á política de obras faraónicas cando os servizos básicos como o saneamento seguen sen estar estendidos en toda a nosa zona rural”.

A candidata do BNG sinalou tamén que é necesario pór en marcha un proxecto global para a cidade “que si ten o Bloque e para o que é preciso chegar a acordos e ao entendemento con outras administracións e cos concellos veciños. Temos moito potencial e é o momento de darlle o pulo que precisa para o aproveitamento da veciñanza de Narón e da doutros municipios da contorna”.

Puxo como exemplo o traballo que vén desenvolvendo o BNG noutros concellos galegos, “que”, dixo, “son sinónimo de benestar, do bo facer, de inclusividade, de participación… Temos experiencia para facelo e iso queremos para o noso Narón. Deamos un paseo por Pontevedra, Allariz, San Sadurniño, Moeche ou Carballo e veremos todo o que pode facer o BNG”.

Ledo fixo especial fincapé na importancia de recuperar o espazo público, “pois é aí onde todas e todos somos iguais” e, nese sentido, manifestou a intención do BNG de avanzar “decididamente e con claridade nun Narón para as persoas, accesíbel e inclusivo que nos faga sentir a fachenda de pertencer, de vivir e de traballar neste concello”.

As persoas que conformamos a candidatura do BNG”, engadiu, “pensamos e imaxinamos un Narón moito mellor” que non se resignan só “con contentar, senón para transformar a realidade”. “Confiade en nós”, dixo, “porque nós confiamos en todas e todos vós. Dicía Rosalía que é feliz quen soñando more, desgrazado quen morre sen soñar: soñar e traballar polo que unha cre xusto fai que o presente e o futuro mude, e nós queremos conquistar o futuro. Agora Narón, agora BNG!”, rematou Led

Lea también

Narón acoge en el CC Odeón la exposición de Roberto Marín, ‘Una mirada cofrade’

La plaza de Eventos del Centro Comercial Odeón ha inaugurado este viernes 11 la exposición …