As escolas infantís municipais de Narón e o centro da Galiña Azul acollerán un obradoiro do programa Apego “A Orella Pendella”

As escolas infantís municipais da Gándara, Piñeiros e A Solaina e o centro da Galiña Azul acollerán esta semana un obradoiro de xogos, ditos e cancións infantís tradicionais. A concelleira de Ensino, Mercedes Taibo, explicou que se trata dunha proposta enmarcada no programa Apego, de socialización de nenas e nenos en galego, e que consiste no espectáculo “A Orella Pendella”, de Migallas Teatro.

As sesións –coordinadas a través do Servizo de Normalización Lingüística do Concello- terán lugar este mércores na EIM da Gándara -17.00 horas- e de Piñeiros -18.30- e na xornada do xoves, día 28, no centro A Galiña Azul -16.30- e na EIM da Solaina -18.00-.

Trátase dunha actividade dirixida tanto aos nenos e nenas como ás súas familias, co fin de que poidan desfrutar e aprender recursos infantís en galego”, apuntou Taibo. Os xogos, ditos e cancións tradicionais e a música en directo protagonizarán estas sesións, ás que Taibo animou a asistir ás familias “para, ao tempo de desfrutar do traballo de Migallas Teatro, obter unha serie de coñecementos que poden empregar nas súas casas cos seus fillos e fillas a modo de material lúdico e pedagóxico para contribuír á súa socialización en galego, que é o obxectivo do programa Apego”.

 

Lea también

O Pazo da Cultura acolle a “XXXV Gala do Deporte de Narón”

O Pazo da Cultura de Narón acolle este venres 22 unha nova edición, a trixésimo …