O Padroado da Cultura de Narón celebra este mércores o Día Mundial do Teatro

O Padroado da Cultura do Concello de Narón conmemorará este mércores o Día Mundial do Teatro, cunha proposta protagonizada pola Escola de Teatro de Narón. A presidenta do Padroado da Cultura e alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, avanzou que o acto, programado baixo o lema “Narón é de Teatro!” terá lugar a partir das 19.00 horas na Praza de Galicia e estará aberto á cidadanía en xeral.

Alumnado e profesorado da Escola Municipal de Formación de Actrices e Actores e dos Obradoiros Municipais de Teatro, xunto con representantes institucionais do Concello, protagonizarán esta convocatoria, que comezará coa lectura do Manifesto Galego do Teatro, autoría do dramaturgo e director de escena Carlos Santiago. O acto de lectura estará dirixido polo director e dramaturgo naronés Jose Prieto e contará coa participación do alumnado da Escola de Teatro.

“Cada alumno e alumna asistirá a este acto caracterizado coma un personaxe dun texto teatral elixido previamente, podendo darse o caso de que xa o interpretaran nalgunha ocasión ou ben que lles gustaría interpretalo nun futuro”, explicou Ferreiro. «Desde xeito, apuntou a presidenta do Padroado da Cultura, o alumnado sacará as personaxes das historias de teatro á rúa, nesta ocasión á Praza de Galicia, co fin de reivindicar, coincidindo co Día Mundial do Teatro, a importancia desta arte como ben cultural da sociedade e tamén o seu valor como lugar de encontro e convivencia”.

As persoas que asistan a esta convocatoria poderán ver diferentes tipos de personaxes, de todas as idades e procedencias, intereses… que pasearán pola Praza de Galicia a carón da xente, todos e todas encarnadas por persoas amantes e profesionais do oficio do teatro.

Ferreiro recordou que «nos Obradoiros Municipais de Teatro de Narón participan alumnas e alumnos con idades comprendidas entre os 4 e os 80 anos, e na Escola Municipal de Formación de Actrices e Actores da cidade comparten formación persoas que realizan unha intensa actividade no ámbito amador con alumnas e alumnos en activo na actividade profesional”.

“O vínculo desta cidade co teatro vén de moi atrás”, recalcou a presidenta do Padroado da Cultura. Destacou que a Escola de Teatro de Narón cumpriu xa trinta e oito anos. “O Padroado da Cultura de Narón puxo en marcha esta Escola no ano 1981 para a formación teatral e a actividade escénica da cidade, dúas funcións que se cubren desde a Escola Municipal de Formación de Actrices e Actores e tamén cos Obradoiros Municipais de Teatro”, explicou Ferreiro.

A presidenta do Padroado convidou ás veciñas e veciños a achegarse este mércores á Praza de Galicia “para respaldar o traballo que realiza tanto o alumnado como o profesorado da Escola de Teatro de Narón, que durante cada curso interpretan numerosos textos teatrais dos que podemos desfrutar todo o ano”.

Lea también

Inaugúrase en Narón o Centro de Interpretación dos Muíños Industriais de Xuvia

O Centro de Interpretación dos Muíños Indutriais de Xuvia (CIMIX) está xa aberto á cidadanía …