Integrantes das diferentes candidaturas de TEGA participaron nunha cea de confraternidade

Integrantes das diferentes candidaturas de Terra Galega (desde Unidade Galega, na corporación de 1979) participaron nunha cea de confraternidade que o partido celebrou o pasado sábado nun establecemento hosteleiro da cidade. No transcurso do acto, a candidata de TEGA á Alcaldía da cidade, e actual rexedora, Marián Ferreiro, agradeceu publicamente “o traballo e o esforzo que realizaron todas as persoas que, nas diferentes convocatorias desde a primeira corporación democrática formaron parte das candidaturas de Terra Galega na cidade”.

Apoio de cara ás municipais

Ferreiro valorou o feito de que “todas e todos vós realizastes nos últimos anos un importante esforzo que permitiu acadar que Narón sexa hoxe o que é, a oitava cidade de Galicia, adicándolle ao Concello boa parte do voso tempo e dedicación”. Así mesmo, e de cara á celebración das vindeiras eleccións municipais no mes de maio, a candidata de TEGA dirixiuse aos presentes para solicitarlles “o apoio de cara ás vindeiras eleccións municipais, para aunar esforzos e que sexades tamén todas e todos vós portavoces do labor que Terra Galega realiza na cidade”.

Deste xeito, asegurou “entre todas e todos seremos capaces de chegar a todas as veciñas e veciños, trasladarlles o traballo realizado e tamén as previsións de futuro que temos para a cidade, amosando que temos un proxecto sólido para Narón e que queremos ter de novo a oportunidade de facer que sexa unha realidade nos vindeiros catro anos”.

Apostando polas persoas

“Ao igual que viñemos facendo nos últimos anos, desde TEGA continuaremos apostando polas persoas, por definir políticas centradas na súa atención”, avanzou a candidata de TEGA. Ferreiro incidiu en que “as nosas veciños e veciños foron e continuarán sendo a nosa prioridade, polo que é importante seguir traballando polo seu benestar, ofrecendo servizos e propostas en diferentes áreas dirixidas a xente de tódalas idades ao igual que o viñemos facendo nos últimos anos”.

A maiores dos integrantes da actual corporación local de Terra Galega acudiron á convocatoria representantes de tódalas corporacións de Unidade Galega, ANGN, PSG-EG e UN, que nas sucesivas eleccións municipais se presentaron aos comicios locais.

Lea también

O Pazo da Cultura acolle a “XXXV Gala do Deporte de Narón”

O Pazo da Cultura de Narón acolle este venres 22 unha nova edición, a trixésimo …