A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, e o concelleiro de Urbanismo, Manuel Ramos, reuniranse este mércores en Madrid co director xeral e o responsable de ventas da zona norte da Entidad Pública Empresarial de Suelo (Sepes), Alejandro Soler e Francisco Fernández, respectivamente. Na xuntanza, tal e como avanzou a rexedora local, abordaranse diferentes cuestións vencelladas ao polígono industrial de Río do Pozo, donde a Sepes ten aínda algunhas parcelas á venda.
Ferreiro explicou que co obxectivo de dar un novo impuso a este parque empresarial solicitarase aos responsables da Sepes que apliquen unha rebaixa no prezo das parcelas, para darlles unha maior saída ás que están á venda e fomentar así o crecemento industrial da cidade, motor económico da comarca. Así mesmo, na reunión tamén se solicitará á Sepes que se faga cargo do mantemento –en canto á limpeza- das parcelas que son da súa propiedade, contribuíndo deste xeito a manter o polígono de Río do Pozo nas condicións óptimas de mantemento.
O chan das Boeiras
Outro dos asuntos a abordar, indicou Ferreiro, será o chan das Boeiras, no límite entre os concellos de Narón e Valdoviño e cunha superficie total de case un millón e medio de metros cadrados. A intención do goberno local naronés é que esa superficie deixe de ser chan industrial de cara á próxima aprobación do Plan de Urbanismo, co fin de potenciar este núcleo.
En materia de promoción industrial o Concello de Narón aprobou o pasado ano a súa adhesión á iniciativa Doing Business (impulsada pola Xunta e a Fegamp), que contempla bonificacións fiscais no IBI, IAE e ICIO –de entre o 50% e o 95%- ás empresas que se asenten na cidade e xeren postos de traballo co fin de fomentar a creación de emprego. «A medida aposta, recalcou a alcaldesa, por dar un revulsivo aos tres polígonos industriais cos que conta Narón: A Gándara, As Lagoas e Río do Pozo».