O BNG de Narón reclámalle á Xunta que o futuro centro de saúde reserve espazos para os servizos de Radioloxía e Saúde Mental

O Bloque Nacionalista Galego de Narón reclámalle á Xunta de Galiza que o futuro centro de saúde do concello, que se atopa nestes intres en proceso de construción, reserve espazos para Radioloxía e Saúde Mental que non figuran no proxecto presentado polo Sergas.

A candidata nacionalista, Olaia Ledo, considera fundamental que a instalación poida dotarse destes servizos básicos para a cidadanía de Narón co obxectivo de lle ofrecer unha atención sanitaria máis completa sen necesidade de ser derivada, no caso de necesitalo, a outros centros sanitarios da comarca.

“Unha infraestrutura dotada con cinco millóns de euros e que o propio conselleiro cualificou como dos máis avanzados do país ten que contar con estes servizos, pois noutros puntos de Galiza si se incluíron, mesmo en localidades nas que a poboación é menor ca a naronesa”. “O argumento de que existe un centro de referencia na cidade veciña non se sostén por si mesmo, porque obrigaría aos doentes que si precisan destes servizos a se desprazar innecesariamente, co agravante das eivas que vén arrastrando o transporte público nos últimos anos”, engadiu.

Ledo cre que é o momento de que a Xunta “diga claramente se cre na sanidade pública galega” e, nesa liña, subliña que é prioritario que o futuro centro de saúde, que se atopa na fase inicial de construción, “incorpore ámbolos dous servizos, malia que o feito de non contemplar unha sala plomada para Radioloxía confirma a nula intención de tela”. “O BNG”, lembra, “congratúlase de que principien unhas obras reclamadas desde hai unha década e que apoiamos con diferentes campañas e recollida de sinaturas”.

Lea también

Club Arco Narón obtiene buenos resultados en la segunda edición del Torneo ‘Escolas Indoor’

En jornada matinal de este pasado domingo se celebró en el pavillón da Mocidade de …