Preto dun milleiro de deportistas participarán o sábado no XVII Trofeo de Atletismo Cidade de Narón e no XXX Campionato de Galicia de Marcha ao Aire Libre

Presentación dos campionatos | Concello de Narón

A décimo sétima edición do Trofeo de Atletismo Cidade de Narón e o XXX Campionato de Galicia de Marcha ao Aire Libre celebraranse este sábado, día 24, nas instalacións do Estadio Municipal de Río Seco. O concelleiro de Deportes, Román Romero, o presidente da Federación Galega de Atletismo, Isidoro Hornillos, o presidente do Club Atletismo Narón, Miguel Soto e o delegado en Ferrolterra da Federación Galega de Atletismo, Paulino Cartelle, presentaron esta mañá os eventos no Concello.

O XVII Trofeo de Atletismo Cidade de Narón, no que están inscritos uns 800 deportistas, disputarase entre as 15.30 e as 21.00 horas, e contempla varias probas de pista: lanzamento de peso (con táboa situada a tres metros) e salto de lonxitude (1.500; 1.000; 500; 400 e 60 metros lisos desde as categorías Sub 14 ata Máster).

O presidente da Federación Galega de Atletismo destacou a satisfacción da entidade por elixir Narón “un lugar emblemático do atletismo galego”, subliñou, para celebrar esta competición. Así mesmo, recordou que este será o primeiro da tempada 2018, que rematará o 31 de decembro de 2019, cunha duración, de xeito excepcional, de catorce meses. “O de Narón é un dos poucos concellos galegos que teñen pistas de atletismo, porque hai menos de vinte e cinco con elas e este é un deles”, asegurou, valorando o traballo organizativo e a traxectoria do Club Atletismo Narón, a colaboración do Concello e tamén o labor da delegación en Ferrolterra da citada Federación.

O presidente do Club Atletismo Narón, Miguel Soto, agradeceu tamén a implicación de tódalas entidades e empresas e voluntarios, así como do Concello pola súa colaboración nestes eventos deportivos e animou ás veciñas e veciños a disfrutar dos mesmos.

En canto ao XXX Campionato de Galicia de Marcha ao Aire Libre, o delegado en Ferrolterra da Federación Galega de Atletismo, Paulino Cartelle, explicou que se realiza por primera vez na cidade na modalidade de pista e avanzou que participarán no mesmo algo máis dun cento de deportistas procedentes de varios clubes galegos. Comezará ás 10.45 e participarán categorías desde Sub 10 ata Sub 23 e tamén Absolutas e Máster (masculinas e femininas) en distancias de 1.000 a 5.000 metros.

O edil de Deportes, Román Romero agradeceu na súa intervención a confianza depositada pola Federación Galega de Atletismo, para celebrar na cidade este trofeo e campionato e felicitou ao Club Atletismo Narón pola organización. Finalmente, animou tamén á veciñanza a asistir o sábado a estes eventos deportivos.

Lea también

La ciudad departamental celebra la XVIII Bandeira de traiñeiras Cidade de Ferrol

El concejal de Deportes, Ricardo Aldrey presenta la XVIII Bandeira de traiñeiras Cidade de Ferrol, …