O grupo de música folk Encrucillada presentará o vindeiro 30 de novembro no Pazo da Cultura o seu primeiro disco, Marbán. Os convites para poder asistir a este evento pódense recoller na billeteira do Pazo da Cultura para desfrutar a partir das 21.00 horas da súa música. Encrucillada regresa este mes ás citadas instalacións municipais, donde hai dous anos se presentaron ao público. Este espectáculo, xunto coa obra teatral Falar sen cancelas e o recital poético Cría fama e bótate a correr “reforzarán a programación do Padroado da Cultura de cara a finais de ano, co fin de ofrecer á veciñanza novos espectáculos dos que desfrutar na nosa cidade”, asegurou a concelleira de Cultura, María del Carmen Espada.
Encrucillada
O grupo Encrucillada está composto polo naronés Antonio López, os irmáns Alberto e Óscar Maceiras, Héctor Piñeiros, Javier Rodríguez e Sara Guerreiro para interpretar un repertorio de música popular e tradicional do que poderá gozar o público neste concerto programado desde o Padroado da Cultura.
«Falar sen cancelas»
O 13 de decembro sumarase á programación do Pazo a comedia «Falar sen cancelas», unha obra teatral caracterizada pola súa retranca e de cuxo elenco forman parte os actores Isabel Risco, Fran Rei e Pedro Brandariz. Algo máis dunha hora de humor que dará comezo ás 20.30 e que contará a historia da descuberta dun virus que ataca á galeguidade, facendo que as persoas non poidan falar galego en público e obrigando a buscar unha solución.
O prezo das entradas é de 9,50 euros para o público xeral e 6,65 para desempregados, abonados e persoas con carné xove ou de estudante (ata 25 anos).
Recital poético
A terceira das propostas será o 26 de decembro, con Cría fama e bótate a correr, de Aldaolado, integrado por Lucía Aldao e María Lado, duas poetisas que formaron este dúo no ano 2005. A súa espontaneidade e complicidade en directo son algúns dos puntos fortes dos seus espectáculos, aos que se suman a calidade dos divertidos recitais que interpretan dentro e fóra de Galicia.
A cita, neste caso, será a partir das 20.30 horas e as entradas teñen un prezo de 9,50 euros para o público xeral e 6,65 para desempregados, abonados e persoas con carné xove ou de estudante (ata 25 anos).
A concelleira de Cultura animou ás naronesas e naroneses e tamén aos veciños e veciñas doutros concellos a achegarse ao Pazo da Cultura para desfrutar da programación deseñada polo Padroado e á que se suman agora estes tres novos espectáculos.