Portavoces da corporación local de Narón recibiron no Concello ao delegado saharaui en Galicia

O portavoz de Terra Galega e primeiro tenente de alcalde da cidade, Guillermo Sánchez Fojo, presidiu este martes, ás 12.00 horas, o acto de recepción oficial ao delegado saharaui en Galicia, Mohamed Zerga. Á convocatoria asistiron tamén os voceiros do PSOE, Catalina García; BNG, Teresa Sabio, e EU, André Abeledo, ademais da presidenta de Solidariedade Galega co Pobo Saharaui, Maite Isla, e representantes da entidade en Ferrolterra e Galicia.

Sánchez Fojo desculpou ao inicio da xuntanza a ausencia da alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, que non puido acudir ao acto. O portavoz de TEGA agradeceu a Mohamed Zerga que se desprazase a Narón e destacou que desde a cidade sempre se apostou por colaborar coa causa saharaui. A sinatura do convenio con Sogaps, a través do que se desprazan a Narón nenas e nenos saharauis para pasar o verán con familias de acollida – programa “Vacaciones en Paz”– é unha desas mostras de colaboración que, como indicou Sánchez Fojo, continuará manténdose xunto con outras posibles propostas de promoción desta e outras iniciativas relacionadas co pobo saharaui.

Aludíu tamén o portavoz de TEGA á moción presentada polo representante de EU a favor da causa saharaui e que foi aprobada con 20 dos 21 votos dos edís da corporación local, lendo na xuntanza os acordos adoptados. Ao igual que Sánchez Fojo, que calificou de “moi dolorosa” a situación dos campamentos de refuxiados saharauis, as portavoces do PSOE e do BNG e o de EU amosaron o seu total respaldo ao pobo saharaui e a colaboración do Concello para tratar de solventar a actual situación.

Na súa intervención, Mohamed Zerga agradeceu en nome do Goberno Saharuai e da Fronte Polisaria agradeceu o respaldo do Concello de Narón, “que nos anima a continuar a nosa loita polo noso dereito á autodeterminación, que é básico e vital para calquera persoa no mundo”. Zerga subliñou que “o pobo saharaui ten a vontade de continuar traballando e non nos cansaremos nunca ata acadar os nosos obxectivos” e recalcou o “apoio de amigos e institucións como o Concello de Narón, que nos animan a continuar nesta loita a pesares de escoitar as promesas incumpridas das Nacións Unidas e de que nós aínda confiamos en que se cumpran para evitar unha guerra”.

Lea también

A conferencia sobre saúde mental prevista para este sábado en Narón, adíase ó día 29

A conferencia da psicóloga Rita Touza, prevista inicialmente para este sábado 23, adíase ata o …