Os colexios Ayala e Virxe do Mar de Narón participan tamén este curso no programa municipal Bica e arrinca, impulsado a través da Concellería de Seguridade Cidadá que dirixe o edil Guillermo Sánchez Fojo. Nas inmediacións do acceso a estes dous centros educativos da cidade establecéronse xa os espazos nos que os pais e nais poden parar temporalmente para que os seus fillos e fillas se baixen do coche e accedan ao recinto escolar.
O edil naronés destacou o feito de que “a través do equipo de Educación Viaria do Concello teñamos a oportunidade de ampliar este programa, co que apostamos por garantir a maior seguridade posible nos accesos dos centros escolares á hora de entrar e saír e evitando unha aglomeración de vehículos que pode chegar a representar un perigo para os menores”.
Entre as 8.30 e as 9.10 horas está operativa esta iniciativa, de luns a venres, se ben no colexio do Feal tamén se contempla horario de tarde, de 16.00 a 16.40 horas, para o alumnado que ten clases nese período. Os espazos están perfectamente sinalizados para que as familias saiban en todo momento donde poden parar os vehículos e despedirse dos seus fillos, evitando malos estacionamentos e aglomeración de vehículos ás portas dos centros escolares.
Este programa funciona desde o pasado ano nos colexios Ponte de Xuvia, Jorge Juan, Piñeiros e O Feal e a acollida que obtivo desde entón, así como a que está recibindo no Ayala e no Virxe do Mar “é moi satisfactoria, logrando a implicación total dos pais e nais con menores matriculados neses centros”, asegurou Sánchez Fojo. O edil agradeceu “a colaboración e implicación tanto dos centros educativos como das familias que nos axudan a que estas iniciativas en materia de educación viaria sexan ano tras ano un éxito na nosa cidade, que hoxe en día é todo un exemplo para moitos outros concellos e incluso noutros países”. Ao respecto recordou a concesión en Bruxelas, o pasado mes de xuño, do premio á Excelencia en Seguridade Vial na modalidade de Autoridades locais concedido pola Comisión Europea ao Concello de Narón e que recolleu persoalmente a alcaldesa, Marián Ferreiro, xunto con representantes do equipo de Educación Viaria de Narón.
“O goberno local continuará apostando pola mobilidade segura e, moi especialmente, nas inmediacións dos colexios, donde continuaremos avanzando nesta área”, indicou Sánchez Fojo. Así mesmo avanzou o inicio, nas vindeiras semanas, do programa Camiños Escolares Seguros no colexio da Solaina, donde xa están perfiladas as rutas que percorrerá o alumnado dun xeito autónomo e seguro.