O goberno naronés aclara que rebaixou do 0,70 ao 0,62 o coeficiente do IBI urbano e rústico nos últimos catro anos

Fot. Galicia Ártabra-Xosé  Gómez Fandiño

O tripartito naronés baixou desde o ano 2015 en oito puntos, do 0,70 ao 0,62 o coeficiente do Imposto sobre Bens Inmobles na zona urbana e rural da cidade. A última das rebaixas materializadas desde o goberno local saíu adiante na sesión plenaria celebrada onte, cunha proposta formulada desde o tripartito (TEGA, PSOE e BNG) e que respaldaron os edís do Grupo Mixto (EU e ENE).

A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, defendeu a xestión levada a cabo polo equipo de goberno no actual mandato e avanzou que “continuaremos traballando nesa mesma liña de cara aos orzamentos do ano 2019, que estamos ultimando, conxelando as taxas –excepto as das escolas infantís que teñen unha lixeira subida para adaptarse a un decreto da Xunta de Galicia- para non incrementar a carga fiscal ás nosas veciñas e veciños nuns tempos nos que o desemprego continúa sendo un grave problema nesta comarca de Ferrolterra”.

Así mesmo, o concelleiro de Xestión Orzamentaria, Xosé Gómez, Fandiño, recordou que “un decreto do Goberno Central que obrigou a subir o IBI situouno nun coeficiente de 0,70 no ano 2014, que se mantivo en 2015 e se rebaixou en catro puntos no ano 2016 – 0,66- en un punto máis o pasado ano -0,65- para situarse actualmente no 0,62. “Estas rebaixas contribuíron a mitigar a suba no recibo da contribución que supuxo a ponencia de valores aprobada no ano 2008”, asegurou Gómez Fandiño.

O edil explicou que analizando as dez cidades con maior poboación en Galicia, a media do tipo de gravame nos inmobles urbáns é do 0,619%, “unha contía moi próxima ao que actualmente se paga en Narón, ese 0,62”, e no caso da rústica é do 0,64%, “o que nos sitúa de cara ao vindeiro exercicio por debaixo desa media, con respecto a A Coruña, Ferrol Oleiros, Santiago, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vilagarcía e Vigo”.

O edil de Xestión Orzamentaria recalcou que “algo moi similar acontece se extrapolamos esta comparativa a outras cidades do Estado cun número de habitantes similar a Narón, que sitúa a este concello por debaixo da media tanto no caso do IBI urbán como rústico”.

O proceso de regularización catastral realizado polo Ministerio de Facenda realizouse en Narón no ano 2017, entrando en vigor a comezos deste ano, “o que provocou incrementos de recibos do IBI nos casos nos que afloraron obras, reformas e rehabilitacións que non estaban rexistradas no Catastro”.

Gómez Fandiño incidiu en que “tanto o gravame como os valores catastrais de Narón foron obxecto de importantes descensos durante o actual mandato, estando esta cidade na media de presión fiscal dos dez concellos galegos máis habitados e por debaixo dos estatais cun número similar de habitantes”

Lea también

A conferencia sobre saúde mental prevista para este sábado en Narón, adíase ó día 29

A conferencia da psicóloga Rita Touza, prevista inicialmente para este sábado 23, adíase ata o …