O Concello de Narón avanza nos proxectos de denominación de vías e renumeración de vivendas na parroquia de Castro

A concelleira de Estatística, Mar Gómez, explicou que o Concello continúa avanzando nos proxectos que permitirán poñer nome a todos os camiños da parroquia de Castro e renumerar as vivendas da zona. Representantes da entidade veciñal Os Cruceiros, da citada parroquia, recolleron esta semana no Consistorio unha proposta realizada desde o Concello e que se poderá consultar en varios locais de Castro nas vindeiras semanas. “Ao igual que fixemos nas parroquias de San Xiao, San Mateo e O Val, desde o goberno local apostamos pola colaboración para que sexan os veciños e veciñas de cada lugar da parroquia os que dean o visto bo aos nomes que finalmente levarán os camiños, estando abertos a modificar a proposta facilitada desde o Concello naqueles casos en que estimen oportuno”, apuntou Gómez.

Recuperar a toponimia

Co obxectivo de recuperar a toponimia tradicional de Castro exporase esta proposta de nomeamento nos locais nos que considere a veciñanza para que realicen as súas aportacións. “Son precisamente os residentes de cada parroquia, as persoas xeralmente de maior idade, as que mellor coñecen o nome que levaban antigamente eses camiños, polo que queremos destacar e agradecer a súa colaboración para que o traballo realizado teña os mellores resultados posibles”, asegurou.

Unha vez que se coñeza o nome dos viais, colocaranse os pertinentes indicativos e procederase tamén a renumerar as vivendas, para que se poidan localizar dun xeito máis preciso. “Trátase dunha tarefa que se desenvolverá nos vindeiros meses e para a que ofrecemos total colaboración, polo que calquera persoa da zona que queira consultar o proxecto de numeración no Concello pode tamén solicitar información na quinta planta do Consistorio, se ben unha persoa entregará en cada vivenda o enderezo final antes de proceder a realizar os cambios definitivos”, indicou a edil naronesa.

Gómez destacou a colaboración que sempre recibe o goberno local para este tipo de actuacións, “moi necesarias e para as que en todo momento as veciñas e veciños recibirán a información pertinente para realizar un traballo coordinado e que rematará coa actualización da inscrición padroal, que se comunicará no seu debido tempo aos habitantes da parroquia de Castro”.

Lea también

O Pazo da Cultura acolle a “XXXV Gala do Deporte de Narón”

O Pazo da Cultura de Narón acolle este venres 22 unha nova edición, a trixésimo …