A alcaldesa recolleu en Santiago o premio da campaña «Recicla, respira e supérate» impulsada pola Xunta e Ecoembes

Un dos premios da campaña Recicla, respira e supérate. Únete ao reto, impulsado pola Consellería de Medio Ambiente e Ecoembes recaeu no Concello de Narón. A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, desprazouse na mañá deste venres a Santiago de Compostela, xunto co edil de Servizos, Ibán Santalla, para asistir ao acto de entrega, que tivo lugar no Pazo de Bendaña. Ferreiro destacou que se trata dun merecido premio “grazas á colaboración de todas as veciñas e veciños que utilizaron os contedores de cor amarela para reciclar os residuos correspondentes”. A alcaldesa destacou tamén a finalidade solidaria dos 2.000 euros concedidos, que se entregarán ao Centro de Recursos Solidarios de Narón. A directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, Cruz Ferreira, foi a encargada de entregar os galardóns desta campaña, nun acto ao que tamén asistiu o delegado en Galicia de Ecoembes, Bruno del Llano e representantes dos outros nove concellos galardoados.

“É unha gran satisfacción o feito de que a nosa cidade participase con outras catorce de Galicia e que finalmente acadásemos este premio, importante para contribuír a unha causa solidaria pero tamén resulta fundamental para que día a día nos concienciemos sobre a importancia de separar os residuos e depositalos nos contenedores axeitados para contribuír a coidar o noso medio ambiente”, subliñou a alcaldesa.

No caso concreto de Narón o premio responde ao feito de que se reducise notablemente a presenza de impropios no contedor de envases lixeiros (de cor amarelo), cunha mellora de recollida de impropios que, tal e como indicaron desde a Xunta, pasou do 28% ao 16%. En canto aos quilos de residuos depositados nos contedores amarelos, contabilizáronse nos tres meses desta campaña un total de 142.350, tal e como indicaron os responsables desta iniciativa.

No acto premiouse tamén aos concellos de Redondela, O Barco de Valdeorras, Monforte de Lemos, Vilalba, Santiago de Compostela, Pontevedra, Lugo, Marín e Vilagarcía.

 

Lea también

O Pazo da Cultura acolle a “XXXV Gala do Deporte de Narón”

O Pazo da Cultura de Narón acolle este venres 22 unha nova edición, a trixésimo …