Lida Romero, veciña de Pedroso, elixida como número un da candidatura do BNG de Narón ás municipais

O Bloque Nacionalista Galego de Narón aprobou na tarde deste xoves en asemblea aberta a proposta de Lidia Romero (Pedroso, 1976) para encabezar a candidatura da organización ás eleccións municipais do ano que vén. No acto, que tivo lugar no café-teatro do Pazo da Cultura, foi presentada tamén unha primeira equipa que está a traballar coa candidata e que representa a Narón en diferentes eidos da vida social, cultural e veciñal.

Trala súa proclamación, a candidata do BNG de Narón quixo agradecer “a confianza e o apoio” refrendado pola asamblea, así como “o traballo e o compromiso nestes últimos anos do grupo municipal representado por Teresa Sabio, Pablo Villamar e Xosé Fandiño”. Tamén tivo palabras de agradecemento para as persoas “que estades aquí e que levades traballando tantos anos por esta organización”.

Romero asegurou no seu discurso que “é unha honra encabezar a candidatura do BNG en Narón, e tamén unha responsabilidade e un reto. Creo que os retos hai que afrontalos e intentar superalos e creo tamén que estou na mellor das organizacións e na mellor das compañas para facelo”, dixo.

A candidata nacionalista subliñou que o BNG “ten demostrado moitas veces que cando goberna as cousas cambian, porque temos as ideas moi claras e temos claro tamén que gobernamos para a xente”.

Nese sentido, manifestou que “nós non estamos aquí para ofrecer favores; estamos aquí para facer políticas que beneficien á maioría e non só a uns poucos. E sabemos como facelo. Temos exemplos que acaban sendo un modelo -San Sadurniño, Carballo, Pontevedra etc- e non teñades dúbidas de que en Narón moitas das políticas que se desenvolveron estes anos non terían sido posibles se non estivera o Bloque”.

Pero non nos queremos conformar, queremos máis”, engadiu Lidia Romero. “Hai moitas cousas por cambiar e que só van cambiar se está o BNG. Temos o proxecto e a ilusión para facelo. E a partir de hoxe imos dicirlle isto á veciñanza de Narón; que o BNG está aquí para

mudar as cousas e que temos o compromiso con este concello de que imos traballar desde xa, porque miramos cara ao futuro e cremos de verdade que é posible”.

O perfil da candidata

Lidia Romero é licenciada en Pedagoxía pola Universidade de Santiago de Compostela, na especialidade social e laboral. Cursou o mestrado en Orientación e Cualificación en Competencias e é experta universitaria en Orientación sociolaboral. Ten traballado principalmente na área social, como educadora e monitora con distintos colectivos, desde infancia e mocidade até a terceira idade. Romero participou ademais como socia nunha entidade do eido educativo e formativo na planificación e implementación de programas para adolescentes (resolución de conflitos, educación afectivo-sexual etc). A súa experiencia laboral inclúe tamén a docencia de adultos e a orientación laboral en varias entidades, ocupación que desenvolve actualmente.

Actos Revolta das pedradas-Sedes-Narón

Ademais, Romero participa desde hai anos no tecido asociativo de Narón, en concreto desde a asociación cultural Xebra, da que é presidenta, e na Comisión Revolta Popular de Marzo de 1918, que este ano organizou os actos do centenario dos sucesos que tiveron lugar na Feira do Trece.

Lea también

La AD Náutico de Narón obtiene buenos resultados en el Cto de España de Duatlón

Buenos resultados del Shark Team en el Cto de España de Duatlón disputado en Ciudad …