O Concello colabora coa Asociación de Torneiros da Madeira Virutas na organización do “III Encontro de torneiros de madeira”

O Concello de Narón e a Asociación de Torneiros da Madeira Virutas organizan unha nova edición, a terceira, do Encontro de torneiros de madeira Virutas, que terá lugar este venres e o sábado na nave da Ferretería Canaima, na rúa Basanta s/n (Ferrol). A convocatoria coincide coa “VI Feira de Maquinaria” que se desenvolve na mesma ubicación.

As persoas que desexen asistir poderán facelo este venres, entre as 10.00 e as 13.30 e de 14.00 a 17.30 e tamén na xornada do sábado, de 10.00 a 13.30 e de 14.00 a 19.30 horas. A música porá o broche final a esta convocatoria, na que se sortearán varios agasallos entre os asistentes antes de proceder á clausura, á que asistirá a alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro.

Nunha superficie duns trinta metros cadrados poderán expoñer os seus traballos aqueles torneiros interesados para participar neste Encontro. O presidente da asociación Virutas, Adolfo Mira, explicou que, ao igual que en anteriores edicións, “haberá demostracións en vivo de torneado e contaremos coa presenza dun torneiro profesional, Xavier Martín, de Miño”. As persoas que se acheguen ata a nave na que se desenvolve o evento poderán ver unha gran variedade de pezas torneadas de madeira e tamén todo tipo de ferramenta e maquinaria de torneado, así como algunhas publicacións relacionadas con este tipo de actividade.

O presidente de Virutas avanzou que xa teñen confirmada a súa asistencia representantes da Asociación Amigos da Madeira, das Pontes, e tamén outros representantes de entidades da comarca e persoas a título individual, algunhas delas procedentes doutras provincias españolas, como Rafael Alonso, de Palencia.

Varios torneiros asociados a Virutas amosarán unha serie de pezas únicas realizadas na cidade, dando así a coñecer o traballo que realizan desde Narón, donde iniciaron a súa andaina hai xa dous anos.

A entrada é de balde e tanto desde a asociación como desde o Concello animaron á cidadanía a asistir para ver as pezas que realizan os profesionais da madeira e tamén as últimas novidades en maquinaria para tornear.

Lea también

La AD Náutico de Narón obtiene buenos resultados en el Cto de España de Duatlón

Buenos resultados del Shark Team en el Cto de España de Duatlón disputado en Ciudad …