Terra Galega celebrou a tradicional Festa do Río, para iniciar o curso político

A Festa do Río que Terra Galega celebrada este domingo reuníu a unhas setecentas persoas na área recreativa de Pedroso para iniciar o curso político de cara ás eleccións municipais do videiro mes de maio. Militantes e simpatizantes do partido quixeron estar presentes nesta convocatoria xunto con concelleiros, a alcaldesa da cidade e candidata á Alcaldía de Narón por TEGA, Marián Ferreiro, o Secretario xeral e o coordinador local do partido, Guillermo Sánchez Fojo e Ibán Santalla, respectivamente.

Sobre a unha do mediodía comezaba a actuación musical dunha charanga, que amenizou a xornada durante algo máis dunha hora. Finalizada a música, e antes de iniciar o xantar de confraternidade baixo unha gran carpa instalada na zona para a ocasión, representantes de TEGA dirixiron unhas palabras aos asistentes. Iniciou o turno de intervencións Ibán Santalla, que pediu o apoio dos alí presentes nos vindeiros comicios locais “para conseguir, entre todas e todos, que esta cidade continúe avanzando día a día”. “Queremos que Narón siga sendo unha cidade viva, en continuo crecemento, e por iso queremos contar con vós para fornecela como oitava cidade de Galicia”, asegurou. Santalla avanzou que os vindeiros meses o equipo de Terra Galega continuará impulsando na cidade importantes investimentos, “porque entendemos que ese é o camiño para seguir deseñando unha cidade como a nosa”. Así mesmo, Santalla destacou o labor da alcaldesa e candidata, Marián Ferreiro, á fronte do goberno local. “Ninguén mellor que ela pode representar nestes momentos un partido como o noso, A súa dedicación, o seu compromiso, a súa honestidade e xenerosidade e a súa disciplina fan que sexa precisamente Marián Ferreiro a mellor persoa para liderar o equipo de Terra Galega en Narón”.

Rematada a súa intervención, tomou a palabra o secretario xeral de Terra Galega, Guillermo Sánchez Fojo, que ao igual que a alcaldesa, agradeceu o respaldo do exalcalde de Narón, José Manuel Blanco, presente un ano máis na Festa do Río. Recordou Sánchez Fojo que, ás portas desta décima lexislatura, “as veciñas e veciños sodes o verdadeiro equipo de Terra Galega, seguimos confiando en vós e nós queremos que sigades confiando en nós”. Avanzou que se aveciña unha campaña dura pero, asegurou, “en política non vale todo, vale a verdade e a media mentira non existe porque non se pode vir á política a mentir como fan outros”. “Seguide con nós porque non vos defraudaremos”, asegurou o secretario xeral de TEGA, que destacou o gran traballo de Marián Ferreiro como alcaldesa de Narón e a firme aposta do partido para que encabece a candidatura do partido nas próximas municipais.

Finalmente, Ferreiro recordou a fonda tradición da Festa do Río de Terra Galega, xuntanza que se celebrou por vez primeira no ano 1997. “Máis de trinta anos, que se di axiña, pero xa pasou tempo dende aquelas primeiras comidas donde un grupo de amigos e amigas, unidos polo soño dun Narón mellor se xuntaban para celebrar as metas cumpridas e compartir un churrasco ou lacón asado”. Ferreiro agradeceu na súa intevención “a todos e cada un de vós a confianza depositada en Terra Galega e o apoio que me brindastes hai xa case un ano, ao poñerme á fronte da Alcaldía”.

A alcaldesa da cidade e candidata de TEGA para as eleccións de 2019 agradeceu o respaldo maioritario nas urnas das veciñas e veciños de Narón e amosou a súa confianza en que se manteña nos vindeiros comicios. “Sabedes que, aínda que estamos traballando arreo, ás veces con atrancos e dificultades, a partir de agora comezará unha campaña que algúns quererán facer sucia e dura, eses que pensan que en política todo vale e que sitúan os intereses persoais ou do partido por riba dos da veciñanza. Pero esa será a súa guerra, non a nosa, porque temos moi claro que Narón primeiro e as veciñas e veciños están por riba de todo o demáis”.

Ferreiro avanzou que Terra Galega afronta esta nova campaña con moita ilusión e proxectos de futuro “para debuxar o Narón de mañá, o que construiremos entre todas e todos”.

A xornada festiva continuou tralo xantar e desfrutárona tanto as persoas adultas como as nenas e nenos, que desfrutaron dos inchables instalados na área recreativa de Pedroso nesta Festa do Río de Terra Galega.

 

Lea también

Narón iza a bandeira galega na Casa da Cultura

O Concello de Narón  programou para este sábado coincidindo co 23 de novembro, festividade local, …