Este domingo Terra Galega organiza unha nova edición da «Festa do río», en Pedroso

Fot. arch.

Algo máis de setecentas persoas participarán este domingo, día 9, nunha nova edición da Festa do Río organizada por Terra Galega na área recreativa de Pedroso. Afiliados e simpatizantes da formación sumaranse un ano máis a esta convocatoria, que dará comezo ás 13.00 horas cunha actuación musical para animar aos asistentes. A continuación, e antes do xantar de confraternidade, haberá un turno de intervencións de representantes de Terra Galega no municipio.

O coordinador local do partido na cidade, Ibán Santalla, dirixirá unhas verbas ás persoas que acudirán á convocatoria, cedéndolle o turno a continuación ao secretario xeral de Terra Galega e portavoz da formación no Concello naronés, Guillermo Sánchez Fojo e para pechar estas intervencións falará a alcaldesa, Marián Ferreiro, e candidata de TEGA para as eleccións municipais de 2019, tal e como o acordou por unanimidade o partido o pasado mes de maio.

Sobre as 14.00 horas dará comezo o xantar de confraternidade, baixo unha gran carpa que se instalará para a ocasión na área recreativa de Pedroso. Así mesmo, ao longo de toda a xornada poderase desfrutar dunha serie de xogos tradicionais que, con carácter interxeracional, permitirán a menores e adultos compartir actividades lúdicas na Festa do Río. Xincanas, tiro á corda ou carreiras de sacos, entre outras, forman parte das propostas desta data, na que tamén pensando nos máis pequenos se instalarán varios elementos inchables.

O secretario xeral de Terra Galega, Guillermo Sánchez Fojo, asegurou que “o vindeiro domingo compartiremos un día de festa a gran familia de Terra Galega nesta cidade”. Así mesmo, agradeceu publicamente “o respaldo que cada catro anos nos dan a maioría de veciñas e veciños de Narón nas urnas, manifestando así a súa confianza no noso traballo diario e que nos permite continuar avanzando, xunto con todas e todos eles, para construír un Narón cada día mellor e con máis e mellores servizos”.

 

Lea también

O Pazo da Cultura acolle a “XXXV Gala do Deporte de Narón”

O Pazo da Cultura de Narón acolle este venres 22 unha nova edición, a trixésimo …