Un total de 36 equipos participarán no V Torneo internacional de Fútbol 8 Narón “O Freixo” que se iniciará este sábado

Juan Rey, Román Romero, Marián Ferreiro y Juan Carlos Vázquez en rolda de prensa – Concello de Narón

A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, e o concelleiro de Deportes, Román Romero, presentaron esta mañá acompañados polo presidente da Sociedade Deportiva Narón “O Freixo”, Juan Rey, e Juan Carlos Vázquez, coordinador da sección de fútbol da citada entidade, a quinta edición do Torneo internacional de Fútbol 8 Narón. A rexedora local, Marián Ferreiro, indicou que o Estadio municipal de Río Seco acollerá os días 8 e 15 de setembro os partidos das categorías alevín e benxamín, respectivamente. Desde a entidade deportiva indicaron que a entrada ao recinto terá un custe de cinco euros en rifas, para axudar a sufragar os gastos de manutención dos participantes e cos que se participará en varios sorteos. O Concello de Narón colabora coa Sociedade Deportiva, Cultural e Recreativa Narón “O Freixo” na organización deste evento.

A competición desenvolverase en dous campos de Fútbol 8 de herba natural, cunhas dimensións de 60×40 metros. Os partidos da categoría alevín, que serán este sábado, día 8, comezarán ás 9.00 horas, estando prevista a entrega de premios ás 22.30. Neste caso terán unha duración de 20 minutos nun só tempo, se ben a final se disputará en dous tempos, cun descanso de cinco minutos entre ambos. Participarán nesta categoría os equipos Vitoria Guimaraes, Lleida Esportu, E.F. Luis Calvo, Narón Freixo “B”, Arousa S.C., C.D. Lugo, Cultural Leonesa “A”, S.D. O Val, C.D. Calasanz, Xuventude de Oroso, R.C. Deportivo, Rápido de Bouzas, Atlético de Coruña, Narón Freixo “A”, U.D. Ourense, R.C. Celta, Cultural Leonesa “B”, Racing de Ferrol, Ural C.F e C.D Quirinal.

Os partidos da categoría Benxamín disputaranse o día 15 de setembro, entre as 10.00 e as 21.00 horas. Terán tamén unha duración de 20 minutos nun só tempo na primeira fase, mentres que na segunda –no cadro final e no de consolación- serán de 25 minutos e a final será en dous tempos de 15 minutos cun descanso de cinco. Nesta categoría xogarán os equipos R.C. Deportivo, Rápido de Bouzas, Atlético Arteixo, C.D. As Pontes, Cultural Leonesa “A”, Xuventude Oroso, C.D. Calasanz, Racing de Ferrol, C.D. Lugo, Cultural Leonesa “B”, Atlético Coruña, Narón Freixo, R.C. Celta, C. D. Quirinal, Ural C.F. e Galicia de Caranza.

Ao remate de cada unha das xornadas do V Torneo internacional de Fútbol 8 Narón “O Freixo” entregarase un agasallo a cada un dos equipos participantes, un trofeo para os catro mellor clasificados de cada categoría (alevín e benxamín), un trofeo ao mellor xogador e ao mellor porteiro de cada categoría e unha mención especial ao Colexio de Árbitros o último día.

Desde a organización explicaron ademais que haberá un servizo de cátering para os participantes no torneo, tanto xogadores como corpos técnicos e no propio recinto tamén haberá unha carpa na que se servirán menús a prezos populares.

Juan Carlos Vázquez destacou o feito de que se trata da primeira ocasión na que participan neste torneo clubes procedentes das catro provincias galegas, e tamén outros de Cataluña e Portugal. Pola súa banda, o presidente da S.D.C.R, Narón “O Freixo” agradeceu a colaboración do Concello de Narón “do que nos sentimos orgullosos de pertencer no sentido de que imos medrando, tanto na área deportiva como na cultural”.

A alcaldesa, Marián Ferreiro, agradeceu as palabras do presidente da citada entidade deportiva e subliñou que “continuaremos apoiando iniciativas como esta e colaborando con elas”, ao tempo que xunto co edil de Deportes animou á cidadanía a asistir a este torneo de fútbol 8, os días 8 e 15 de setembro.

Lea también

O Pazo da Cultura acolle a “XXXV Gala do Deporte de Narón”

O Pazo da Cultura de Narón acolle este venres 22 unha nova edición, a trixésimo …