A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, presidiu na mañá deste mércores no Concello o acto de despedida aos menores que, procedentes dos campamentos de refuxiados saharauis de Tinduf, en Arxelia, e de Chernóbil, pasaron o verán con familias de acollida da cidade. Ao acto acudiron tamén os portavoces de TEGA, Guillermo Sánchez Fojo; BNG, Teresa Sabio e EU, André Abeledo, se ben se desculpou a ausencia da portavoz do PSOE e edil de Acción Social, Catalina García, que por motivos familiares non puido estar presente.
Representantes da asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui (Sogaps) e das familias de acollida acudiron á convocatoria, na que os menores informaron aos representantes do goberno local da súa estadía na cidade, que rematará para uns o día 8 e para outros o 11 de setembro. O mesmo fixeron as tres rapazas procedentes de Chernóbil que, a través da ONG Ledicia Cativa chegaron o pasado mes de xuño á cidade e que marcharán mañá de regreso ás súas casas. Seis nenas e nenos saharauis (dos sete que estiveron en Narón) e tres nenas de Cherbóbil (viñeron seis e catro estiveron con familias de Narón e dúas de Ferrol) asistiron á convocatoria, que rematou cun ágape no Concello.
Desde Solidariedade Galega co Pobo Saharaui e Ledicia Cativa agradeceron o respaldo do Concello de Narón aos programas que permiten traer aos menores durante o verán á cidade, aportando 7.000 e 2.500 euros respectivamente a través de convenios anuais para colaborar coas citadas entidades. A alcaldesa, Marián Ferreiro, agradeceu o labor das mesmas e tamén a colaboración prestada polas familias que fan posible que estes menores estean na cidade durante unhas semanas. Así mesmo, ao igual que o resto de integrantes da corporación local, amosou a súa satisfacción polo feito de que, tal e como manifestaron, os nenos e nenas desfrutasen da súa estadía na cidade e coñeceran tamén outras localidades da comarca e de Galicia.
No transcurso do acto recordouse que no caso do programa “Vacaciones en Paz”, da asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui, permanece aberto o prazo para que as familias se inscriban de cara á súa participación o vindeiro ano.