O Concello de Narón destina 60.000 euros á sinatura de seis convenios con entidades de ámbito social

O alcalde accidental de Narón, Guillermo Sánchez Fojo, asinou na mañá deste venres un total de seis convenios de colaboración con outras tantas entidades das áreas de Acción Social e Promoción Social. As concelleiras responsables dos citados departamentos, Catalina García e Teresa Sabio, respectivamente, acudiron á convocatoria, que tivo lugar ás 12.00 horas no Consistorio naronés. En conxunto o goberno local destinará unha partida de 60.000 euros a colaborar con Aspaneps, a Asociación Nuestra Señora de Chamorro, AFAL, Dignidad, Cogami e Cruz Roja.

En representación de Aspaneps acudiu á convocatoria Juan Luis Dapena, que asinou o documento polo que a entidade percibirá 17.000 euros para atender ás nenas e nenos con problemas psicosociais e desenvolver programas de apoio ao colectivo e ás súas familias, a prol do seu benestar persoal e da súa integración socio-educativa.

A presidenta da Asociación Nuestra Señora de Chamorro, Concepción Lage, asinou tamén un convenio, neste caso por importe de 12.000 euros, que se destinarán a traballar con persoas afectadas de discapacidade intelectual, física ou sensorial e a impulsar programas como Fadas, de atención ao colectivo.
Así mesmo, Ana María López asinou o convenio de AFAL Ferrolterra, por importe de 6.000 euros e para atender a persoas con demencias neurodexenerativas e ás súas familias, con actividades programadas no Centro de día de AFAL para o colectivo e as súas familias.

En representación da asociación Dignidad acudiu á convocatoria María Dolores Romero, que rubricou un convenio no que se contempla unha contía de 9.000 euros para atender a persoas con escasos recursos económicos ou en risco de exclusión social.

Anxo Antón Queiruga, en representación de Cogami, asinou un convenio por importe de 6.000 euros para levar a cabo unha acción social encamiñada a mellorar a participación social das persoas beneficiarias e o seu desenvolvemento autónomo, mellorando así as súas posibilidades de inserción laboral.

Por último, en representación de Cruz Roja, asinou o convenio, valorado en 10.000 euros, Diego Iglesias, co fin de prestar desde a entidade servizos e realizar actividades no termo municipal naronés.

O alcalde accidental e as concelleiras naronesas destacaron a labor que estas seis entidades realizan día a día con diferentes colectivos e amosaron a súa disposición a continuar apoiando a labor que realizan na cidade e tamén noutros concellos da comarca.

Lea también

La AD Náutico de Narón obtiene buenos resultados en el Cto de España de Duatlón

Buenos resultados del Shark Team en el Cto de España de Duatlón disputado en Ciudad …