A secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez, acompañada polo xerente da Fundación Deporte Galego, Iván Clavel, e mais o director da zona de Ferrol de ABANCA, Rafael Montero, presentou na mañá de hoxe os convenios de patrocinio publicitario dos equipos de alta competición de Galicia para o exercicio 2018, neste caso dos equipos de Ferrol e a súa área. O Plan de patrocinio, que para esta tempada contará cun orzamento global de 2.420.000 euros, está financiado pola Fundación Deporte Galego (1.694.000 euros) e por Abanca (726.000 euros) e beneficiará a un total de 171 equipos galegos o que representa un incremento do 3% con respecto ao ano anterior, cando foron 166 os equipos beneficiados, e do 92% respecto ao primeiro ano do Plan, na tempada 2008-2009 que contou con 89 equipos patrocinados. Un ano máis, o número de equipos femininos patrocinados volve medrar, 28 equipos na tempada 2008-2009, 69 o exercicio pasado e 72 na actual campaña porque, como dixo Marta Míguez, “dalgún xeito ten que verse reflictido que cada ano somos máis as mulleres que practicamos deporte, ben sexa federado ou non”. De feito, lembrou que nesta tempada, as cifras de licenzas femininas no deporte federado galego xa alcanza o 23,6% do total.
A responsable do deporte galego felicitou a todos os equipos presentes polo traballo e polos resultados acadados e dirixiuse aos directivos dos clubs para felicitalos tamén pola súa xestión. Nas súas verbas, Míguez dixo crer no “tecido asociativo que cada ano medra en cantidade e calidade e que presta un servizo fundamental á sociedade facéndolle accesible o deporte e a competición”.
En termos absolutos, desde que o Plan de patrocinio publicitario dos equipos de alta competición de Galicia botou a andar na tempada 2009-2010 a Xunta leva consignados a este aspecto preto de 20 millóns de euros. Neste sentido, a a secretaria xeral agradeceu a ABANCA “o seu esforzo e a súa aposta decidida polo deporte galego”.
Ao fío desta idea, a secretaria xeral identificou o deporte como “unha fórmula xeradora de negocio polo seu enorme retorno, notoriedade e boa imaxe”, cualidades extensivas ás empresas que o apoian, engadiu. Por todo iso, dixo Marta Míguez, “o deporte como produto de consumo constitúe un obxecto económico moi atractivo no mercado de bens e servizos” e supón maior visibilidade e importantes oportunidades de comercialización e vantaxes competitivas. “Apoiar ao deporte é sempre un investimento”, apuntou. Así, Marta Míguez fixo un chamamento a todas aquelas entidades privadas para que, como ABANCA, “se sumen a este compromiso de patrocinio do deporte galego porque só se pode gañar apostando polos mellores expoñentes”.
Pola súa parte, o director de zona de ABANCA en Ferrol/Ortegal, Rafael Montero, destacou que este programa “é xa un pacto transversal polo tecido socio-deportivo de Galicia e polo deporte de base”. Este plan de patronicio encaixa coa filosofía de traballo da entidade financeira e o seu apoio á transmisión de valores vitais a través do deporte. De maneira adicional, permite a ABANCA comprometerse “coa sostibilidade económica de 16 clubs do ámbito de influenza de Ferrol para que os nosos deportistas de hoxe e de mañá poidan centrarse nas súas competicións”, engadiu Montero.
Os 19 equipos de Ferrol e a súa área -1 máis que no exercicio pasado- que presentaron hoxe os seus convenios de patrocinio suman un investimento total de 234.678,56 euros, o 10% do orzamento total do plan, e foron: o Club de Atletismo Ría Ferrol, Club Basketmi Ferrol, Racing Club de Ferrol S. A. D., O Parrulo Ferol FS, Club Valdetires, Comarcal A Fervenza F.S.F., Club Halterofilia Ferrol, Clube Copacabana de Piragüismo (masculino e feminino), Club Triatlón Ferrol (dúatlon masculino e tríatlon feminino), Club Atletismo Narón, Club Universitario de Ferrol, Agrupación Deportiva Náutico de Narón (dúatlon e tríatlon feminino), Club Tenis de Mesa Cidade de Narón, Club Náutico Firrete (feminino e masculino) e o Club Deportivo Aldebarán de San Sadurniño.