A compañía Pistacatro Productora de Soños SL representará este domingo en Narón a obra «Outono». A compañía de Novo Circo Galego chega ao Pazo da Cultura, coincidindo coa celebración do seu décimo aniversario, co seu novo espectáculo, no que reúne aos seus fundadores para celebrar esta singular data.
A representación comezará ás 18.00 horas e as entradas están á venda na billeteira do Pazo e na web do Padroado da Cultura –www.padroadodecultura.es-, a un prezo de 9,50 euros para o público xeral; 6,65 para abonados, desempregados e persoas con carné xove ou de estudante (ata 25 anos) e 5,50 para menores de 14 anos.
Esta obra de Pistacatro Productora de Soños é un espectáculo de teatro-circo con música en directo, dirixido e adaptado por Antón Coucheiro. No mesmo cóntase a historia de catro artistas que viaxan ao seu pasado, amosando ao espectador a súa amizade e tamén os seus fracasos e cunha mirada poética ao antigo oficio dos pallasos. A emoción e o humor forman parte desta peza, dirixida a todos os públicos e cunha duración de algo máis dunha hora.