Uns 300 deportistas participarán o vindeiro sábado nos Campionatos galegos de Duatlón e Paraduatlón que se celebrarán en Río do Pozo

Amando Guerrero, Román Guerrero e Francisco Villanueva na presentación – Concello de Narón

O polígono industrial de Río do Pozo acollerá este sábado, día 14, os Campionatos galegos de Duatlón e Paraduatlón de élite. O concelleiro de Deportes, Román Romero, o presidente da Agrupación Deportiva Náutico de Narón, Amando Guerrero, e Francisco Villanueva, representante da Federación Galega e Española de Triatlón, presentaron esta mañá o evento, organizado polo Concello de Narón, a citada agrupación deportiva local e a Federación Galega de Triatlón. En total participarán preto de 300 deportistas, de máis de vinte e cinco clubes de Galicia, nas diferentes probas deseñadas.

Os circuítos organizáronse –nas inmediacións do clube de pádel de Río do Pozo- “moi rápidos, para fomentar o espectáculo da proba e tendo en conta en todo momento a seguridade dos deportistas”, apuntou Guerrero. Entre os inscritos favoritos ao título están, apuntou, o naronés Brais Canosa (Arcade Inforhouse), Brais Misa (Porriño), Ismael Viéitez (Arteixo), Martín Carrera (Ribeira), Xacobo Grego (Vedra) e os locais Carlos Bouza, Brais Cupeiro (TriNáutico Narón), Juan Rejas e Eduardo Saavedra (Triatlón Ferrol).

Na categoría feminina haberá numerosas ausencias, entre elas as de Camila Alonso, reciente campiona de España da modalidade; Melina Alonso, Ana Santiso, e Inés Castaño, que participan noutras competicións internacionais que coinciden na data coa programada en Narón.

A pesares diso haberá un altímismo nivel, tal e como destacou Amando Guerrero, confirmada a presencia das irmáns Brea, Josely e Edymar (Tri-penta) -veñen de disputar estas dúas últimas o campionato de España da modalidade, finalizando en primeira e quinta posición respectivamente-, “polo que a loita será por saber quen as acompaña no caixón”, asegurou. Entre as candidatas atópanse Carla Castaño (Inforhouse Santiago), Carla Guisande (Fluvial de Lugo), que o pasado sábado en Avilés proclamouse campiona de España Cadete, e as locais Belén Nieto e Noelia Serantes (TriNáutico Narón).

Na programación deste evento deportivo atópase tamén o Campionato galego de Paraduatlón, que dará comezo ás 14.15 horas, e no que participarán, entre outros recoñecidos deportistas, Aaron Ortiz (Pontevedra) e Ángel López (Enki). Desde a organización indicaron que se espera que chegue a tempo a clasificación funcional de Álvaro Illobre, para tomar parte na proba representando ao Náutico de Narón, no que será unha nova andaina deportiva de Illobre. Disputarase tamén unha proba popular a partir das 15.45 horas, aberta á participación, co obxectivo de fomentar esta disciplina e dirixida a deportistas federados e con licencia dun día especial para a proba, explicou Guerrero.
Así mesmo, desenvolverase a partir das 15.30 horas unha proba de promoción non competitiva para prebenxamíns; ás 17.00 horas terá lugar o Campionato galego feminino e ás 18.30 comezará o da categoría masculina. Amando Guerrero, invita á cidadanía en xeral a presenciar “unha proba de altísimo nivel, porque Galicia é unha potencia a nivel nacional e así o demostra a participación de varios recentes campións de España”.

O representante da Federación Galega e Española de Triatlón, Francisco Villanueva, destacou o traballo do Náutico de Narón e a súa capacidade á hora de organizar eventos deportivos na cidade. “Consideramos que Narón é un enclave importantísimo para este deporte, donde hai case vinte anos tiveron lugar as primeiras probas de duatlón e triatlón e donde hai tan só uns meses celebramos unha importante gala”, recordou. Así mesmo, Villanueva destacou que o vindeiro sábado será “unha gran xornada deportiva”.

Finalmente, o concelleiro de Deportes valorou o feito de que se disputen na cidade estes dous campionatos galegos e o traballo da Agrupación Deportiva Náutico de Narón “que case unha vez ao mes propón a celebración dun evento deportivo e que sempre se celebran con moito éxito”. Romero, que animou á veciñanza a presenciar estes campionatos autonómicos, avanzou que proximamente se dará un primeiro paso para tratar de organizar en Narón o Campionato de España de duatlón por equipos, “un evento que estariamos encantados de poder celebrar na nosa cidade”, subliñou o edil naronés.

Lea también

La judoca June Moreno campeona del sector oeste del Cto de España Absoluto

El domingo 17 se disputó en La Coruña el Trofeo Teresa Herrera “Sector Oeste del …