13 equipos participarán este Xoves Santo no IX Tetramaratón de San Sadurniño

Instante da Tetramaratón 2017 – Concello de San Sadurniño

Un total de 78 deportistas repartidos en 13 equipos disputarán a novena edición do Tetramaratón de San Sadurniño, evento clásico xa da Semana Santa no que se inclúen catro disciplinas: o volei, o fútbol sala, o baloncesto e o hóckey. O elevado número de inscricións supón todo un récord, pero tamén un reto organizativo para o Concello, o CV Aldebarán e o CF San Sadurniño, encargados de toda a parte organizativa dun torneo que, segundo parece, virá marcado pola chuvia.

Os enfrontamentos desenvolveranse nun todos contra todos aos catro deportes dentro de cada un dos tres grupos formados nesta edición, un deles formado por catro equipos. O regulamento xeral indica que os 4 partidos clasificatorios se xogarán seguidos contra o mesmo rival e que os puntos conseguidos polas compoñentes femininas -que deberán xogar todos os encontros- valerán o triple. Nesta edición inscribíronse dous equipos formados integramente por mulleres e hai outros dous que tamén contan con presenza feminina nas súas aliñacións.

No volei 5×5 disputaranse dous sets a 7 puntos -punto directo con cambio de saque- con cinco deportistas no campo por equipo. No caso do fútbol sala só haberá un tempo de 10 minutos sen parar o crono e os penaltis que poida haber lanzaranse desde o medio do campo sen ninguén na porteiría. Para o baloncesto de catro contra catro tamén haberá un único tempo de 10 minutos a reloxo corrido, todas as canastras valerán dous puntos e non existirá o campo atrás. Por último, no hóckey o tempo tamén correrá sen pausa durante 10 minutos e, por cada equipo, só poderá haber 4 xogadores ou xogadoras no campo.

Nos grupos A e B -con catro equipos en cada un deles- cada partido gañado serán dous puntos, o empate un punto e o partido perdido cero puntos. Porén, o grupo C contará con cinco formacións e, para que saian as contas, a área de Deportes meteu decimais no cómputo: 1’334 puntos partido gañado e 0,666 puntos partido empatado. Os catro equipos que acaden unha maior puntuación xogarán as semifinais. En caso de empates contabilizarase a diferenza de tantos a favor e en contra de todos os partidos disputados.

E pouco máis, o resto é aguantar o tipo durante unha competición que, seguramente, volva durar ata as primeiras horas da tarde. Nos equipos inscritos tamén volveremos ver deportistas con experiencia máis ou menos contrastada en cada unha das disciplinas. Nos últimos anos os vencedores foron case sempre aqueles que foron capaces de xuntar nunha mesma escuadra cracks do fútbol con cracks do volei.

O IX Tetramaratón de San Sadurniño comezará sobre as 9.30h. no pavillón municipal e nas pistas do colexio público, aínda que é posible que se modifique algún dos emprazamentos por mor da chuvia. A participación é gratuíta e haberá trofeos para o primeiro e segundo clasificados, así como para o equipo que mostre un xogo máis limpo. Todas as persoas participantes levarán tamén unha camiseta como agasallo.

O IX Tetramaratón de San Sadurniño está organizado pola Concellaría de Cultura, Deportes, Ensino e Mocidade coa colaboración loxística do C.V. Aldebarán e o Clube de Fútbol San Sadurniño, ademais da achega económica da Deputación da Coruña.

Lea también

109 participantes acuden ó XIX Torneo Cidade de Narón de Tiro con Arco

O pavillón polideportivo municipal da Gándara acolle este sábado 23, a décimo novena edición do …