O Concello de Cabanas, a través da Concellería de Servizos que dirixe Eva García, invita a veciños e veciñas a participar o vindeiro sábado 24 de marzo nunha charla sobre a vespa velutina. Celebrarase a partir das 10,30 horas na antiga casa consistorial con entrada libre e de balde e correrá a cargo da bióloga Eva Pico. Será ela quen aborde as claves do trampeo primaveral, como constrúen os niños ou o ciclo biolóxico da velutina, entre outras cuestión. O obxectivo non é outro que ofrecer á veciñanza as claves para evitar a súa proliferación e como facelo dende o ámbito doméstico. Así mesmo, Eva Pico tentará resolver as consultas e dúbidas que poida ter o público asistente.
Trátase dunha iniciativa que dá continuidade á campaña de concienciación levada a cabo o pasado ano pola Concellería de Servizos. Unha campaña que incluíu diferentes actuacións, dende a recollida de botellas no CEIP Eladia Mariño ata obradoiros de construción de trampas e saídas para a súa colocación, así como charlas informativas no centro educativo do municipio.