A ampliación e mellora da estrada do Feal, en Narón, suporá un investimento global duns 1,4 millóns de euros

O proxecto de ampliación e mellora da estrada do Feal (DP-5407) está xa no Concello. Así o anunciou a alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, tras recibir o documento remitido desde a administración provincial, que cofinanciará as obras xunto co Concello. A actuación suporá un investimento global que rondará os 1,4 millóns de euros, tal e como avanzou a rexedora local, que recordou que con cargo a esta partida se ampliará e mellorará o citado vial, entre os puntos quilométricos 0,00 e 1,500.

“Nos vindeiros días os técnicos municipais estudarán pormenorizadamente toda a documentación recibida desde a Deputación da Coruña, pero de antemán queremos agradecer un novo compromiso desta administración co Concello de Narón”, asegurou Ferreiro. A rexedora local destacou o feito de que “unha vez máis o Concello colaborará coa administración provincial, titular deste vial, na financiación destes traballos, constantándose de novo a total disposición e vontade do goberno local a colaborar neste tipo de intervencións”

Ferreiro explicou que as tarefas previstas permitirán ampliar de cinco a sete metros o ancho deste vial, que conta cunha elevada densidade de tráfico ao conectar dous viais principais da cidade, o de Castela (AC-862) e o de Cedeira (AC-566). “A estrada do Feal conecta a zona do Ponto coa das Lagoas, donde se localiza un dos tres polígonos industriais da cidade, o que xustifica, en parte, a urxencia na execución dos traballos previstos”, subliñou. Así mesmo, a alcaldesa incidiu no feito de que “con cargo a este proxecto mellorarase considerablemente a circulación rodada na estrada do Feal pero tamén a seguridade dos peatóns que transitan pola zona, obxectivos ambos prioritarios para o goberno local”. Ao respecto, avanzou que, a maiores de habilitar un carril en cada sentido de tres metros de ancho, a obra contempla a construción dun arcén de 0,5 metros e beirarrúas de 1,80 metros en ambas marxes do vial. Tamén se contemplan no documento, tal e como explicou a alcaldesa, zonas de aparcamento nos tramos nos que sexa posible.

Desde o goberno local confiamos en que este proxecto sexa canto antes unha realidade, porque consideramos que se trata dunha obra de especial relevancia para a nosa cidade, e así llo manifestamos en todo momento á administración provincial”, asegurou

Lea también

109 participantes acuden ó XIX Torneo Cidade de Narón de Tiro con Arco

O pavillón polideportivo municipal da Gándara acolle este sábado 23, a décimo novena edición do …