O 67% das infraccións en Ferrol ocurren en carga e descarga, na beirarrúa ou no carril de circulación

A Policía Local de Ferrol, ven de rematar unha campaña de varios días -do 5 ao 11 de febreiro- centrada no Control de Indisciplina no Estacionamento nas diferentes vías municipais, e con especial atención a aquelas que afectaban á seguridade dos peóns e funcionamento de determinados servizos.

Esta campaña encadrase nun plan de traballo anual da Policía Local de Ferrol acompasada co Dirección Xeral de Tráfico. En anteriores campañas, os axentes locais xa viñan detectando que principais infraccións no estacionamento irregulares eran relativas ao estacionamento en zonas peonís, sobre a beirarrúa ou obstaculizando os pasos de peóns, ademais da ocupación abusiva das zonas habilitadas para a carga e descarga así como as reservadas a determinados servizos ou usuarios.

Os policías destinados a esta campaña -adscritos a unidade de Mobilidade e Seguridade Viaria nas quendas de mañá e tarde- fixeron especial fincapé en velar pola normativa na vixilancia das prazas sinalizadas para o uso de vehículos que transportan persoas con mobilidade reducida mediante o correspondente cartón acreditativo, xa que en anos anteriores detectouse o uso abusivo e fraudulento por determinados usuarios que utilizaban un cartón manipulado ou falsificado, ou mesmo dalgún familiar xa falecido, e cuxos responsables foron motivo de denuncia administrativa nuns casos e noutros condenados como autores dun ilícito penal por falsificación de documento público.

A campaña desenvolveuse nos distintos viarios dos Ensanches A e B, Caranza e Esteiro, Magdalena e Ferrol Vello, fundamentalmente. Como resultado desta campaña, formalizáronse un total de 104 denuncias.

A maior parte das infraccións, o 25,96% (27) foron por estacionar en zonas reservadas a carga e descarga e por estacionar sobre a beirarrúa (24,03%), con outras 25 denuncias e por ocupar o carril de circulación aparcando o coche, con 18 denuncias (17,30%).

Tamén foron obxecto de denuncia, aínda que en menor medida, outros vehículos que estacionaron na parada do bus (6), en dobre fila (2), no paso de peóns (7), en zonas reservadas (4), en vado permanente (3), non respectar as marcas viarias (5), en intersección de rúas (3), no sentido contrario (1), en zona peonil (2) e nas prazas reservadas a persoas con mobilidade reducida (1).

Lea también

Sabores de outono, cita gastronómica con premio en el barrio ferrolano de Ultramar

  Este fin de semana tendrá lugar en el barrio de Ultramar la primera edición …