O goberno local vai iniciar o expediente para concederlle a Javier Gutiérrez Álvarez, a Medalla de Prata de Ferrol, a máxima distinción que pode outorgar este municipio en recoñecemento aos seus méritos profesionais, a súa calidade humana e o seu compromiso con esta urbe da que resulta ser un dos mellores embaixadores posibles.
Así o manifestaba hoxe, o alcalde de Ferrol, Jorge Suárez, que reiteraba os parabéns “a un xigante da interpretación como Javier Gutiérrez, capaz de conxugar humildade e excelencia en cada personaxe, na ficción e no real, cunha calidade profesional e humana inmensa, que traspasa a pantalla e que nos fai sentir unha fachenda infinita ao levar o nome de Ferrol polo mundo”.
Gutiérrez, que xa é Fillo Predilecto da cidade e Ferrolán do ano 2011 e 2015, sumará, coa Medalla de Prata, outro recoñecemento da súa cidade natal, coa máxima distinción que pode conceder o Concello de Ferrol. O último en acadar este recoñecemento foi o triatleta ferrolán Javier Gómez Noya, que conquistou esta distinción en maio do 2016.
Desde o Concello de Ferrol, reiterar os seus parabéns a Javier Gutiérrez, que xa lle transmitiron vía telefónica, polo acadar, por segunda vez, o recoñecemento da Academia de Cine co seu segundo Premio Goya ao mellor actor protagonista polo seu papel de aspirante a escritor en «El autor». Suma esta segundo ‘cabezón’ ao que xa gañara en 2015 por facer de policía de escuro pasado en «La isla mínima».
Aínda que naceu en Luanco, Asturias (1971), Javier Gutiérrez Álvarez se define inequivocamente como ferrolán. Aquí pasou infancia e a súa mocidade. Coñecida é a súa paixón polo equipo da cidade, o Racing de Ferrol, do que é socio. Pese a súa apertada axenda profesional, Gutiérrez sempre atopa un oco para volver a Ferrol e ten amosado a mellor das disposicións a colaborar co Concello, sempre que foi requirido, e a cooperara de xeito desinteresado en actividades sociais de Ferrol como recentemente amosou ao participar nun vídeo de Aspanaes.