Ana Pontón (BNG) apunta en Narón ás cooperativas como modelo socioeconómico alternativo para mellorar a calidade de vida da veciñanza

A portavoz nacional do Bloque Nacionalista Galego, Ana Pontón, asegurou este venres en Narón que o cooperativismo, de fonda ráigame na bisbarra de Ferrolterra, “nos demostra que é posíbel facer as cousas doutro xeito e construír desde o local e desde as parroquias alternativas de desenvolvemento económico e iniciativas que hoxe teñen máis sentido ca nunca como son as cooperativas de crédito”.

Pontón, acompañada polos concelleiros Pablo Villamar e Teresa Sabio, se reuniu co consello rector da Cooperativa do Val e, posteriormente, coa directiva da Asociación Chamorro, que traballa no eido da asistencia social a persoas con discapacidade, e sinalou que iniciativas como a da Cooperativa do Val “permiten ter unha concepción social do acceso ao crédito desde unha perspectiva comunitaria e estou certa de que se hoxe houbera máis entidades deste tipo no país, teriamos unha realidade desde o punto de vista social ben diferente da que temos hoxe”. Así, subliñou que as cooperativas “son unha porta á esperanza de poder construír un modelo bancario desde Galiza”.

Ana Pontón referiuse tamén aos datos do paro que se coñeceron na mañá deste venres e, nesa liña, quixo lembrar que “detrás das cifras do paro hai sempre persoas, e eses datos dinnos que, malia que o Goberno di que xa saímos da crise, esa saída non lle chegou a milleiros de persoas, o que reflicte unha realidade moi preocupante desde o punto de vista social, non só polo desemprego, senón tamén pola crecente precaridade que sofre o noso país”.

A portavoz nacional do BNG asegurou que as cifras “deixan claro que este modelo económico non serve para garantir un emprego digno a todas as persoas e que Galiza necesita unha viraxe e unha aposta estratéxica do Goberno galego para pór o país a producir. E o cooperativismo pode ser unha desas patas sobre as que mudar o modelo en Galiza”.

Trala xuntanza co consello rector da Cooperativa do Val, Pontón, acompañada, entre outros, polo presidente da entidade, Xosé Díaz Dopico, e outros responsábeis e traballadores, visitou as instalacións da súa obra social, a Fundación Terra de Trasancos, e, posteriormente, as da Asociación Nosa Señora de Chamorro, que desde hai varias décadas vén desenvolvendo un labor imprescindíbel na integración e autonomía das persoas con discapacidade.

O centro atende, forma e traballa con máis de 140 persoas e a día de hoxe é unha referencia no eido asistencial da comarca de Ferrolterra.

Posteriormente, os membros do Consello Local do BNG de Narón acudiron á convocatoria da ANPA do colexio de Pedroso para se opor ao peche do centro, como pretende a Consellería de Educación.

Lea también

109 participantes acuden ó XIX Torneo Cidade de Narón de Tiro con Arco

O pavillón polideportivo municipal da Gándara acolle este sábado 23, a décimo novena edición do …

2 comentarios

  1. manuela dopico

    que vaya a pedroso a decirlo