Os servizos técnicos municipais de Fene teñen aberto o procedemento de contratación das obras de reparación da Rúa Alta, en Perlío, orzamentado en algo máis de 78.000 euros, ive incluído. Os traballos consistirán na substitución do firme actual por un novo aglomerado, así como na instalación de pasos peonís sobreelevados e o repintado de todo o trazado, que abrangue arredor de medio quilómetro de estrada entre a rúa Tarrío e o cruzamento coa rúa Travesa. Á licitación negociada con publicidade concorreron 6 empresas e o Concello agarda adxudicar o contrato nos próximos días.
A Rúa Alta é un dos eixos máis transitados do concello, debido en grande medida a que nas inmediacións se encontran o colexio Jorge Juan e o CEIP Centieiras. Neste sentido, o obxectivo municipal «non só é reparar a rúa, senón tamén mellorar as súas condicións de seguridade para o tráfico rodado e, principalmente, para os viandantes«, tal e como explica o alcalde, Juventino Trigo.
Segundo o proxecto técnico, os primeiros traballos que se levarán a cabo serán os do fresado de toda a rúa para levantar o antigo firme e preparar unha caixa na que se asente a nova capa aglomerada. Unha medida que eliminará por completo os baches e as cicatrices de pequenas obras feitas nos últimos anos, ademais de darlle un nivel uniforme a todo o percorrido. En total son 565 metros de estrada -cun ancho de 6 m- desde a confluencia coa Rúa Travesa ata a esquina oeste da Jorge Juan, xusto onde comeza a rúa Tarrío.
Ademais de renovar a calzada, o plan deseñado polo Concello tamén contempla a mellora da accesibilidade e da sinalización. Un dos aspectos que máis se deixará notar será o do cambio dos dous pasos de peóns dos colexios por outros sobreelevados, coa finalidade de limitar a velocidade dos vehículos e incrementar a visibilidade de quen estea cruzando ou teña intención de facelo. A remodelación dos pasos peonís tamén lle afectará neses dous puntos ás beirarrúas para garantirlle a accesibilidade a persoas coa mobilidade reducida ou que usen cadeiras de rodas.
No referido á seguridade viaria, as obras inclúen o repintado do trazado, que levará liñas amarelas de prohibición de aparcar antes e despois dos pasos de peonís e nas confluencias da rúa Maroño, a Rúa do Medio, o Camiño de Mundín e o cruzamento coa Rúa Travesa. Preténdese deste xeito que o tráfico proveniente destas vías poida facer a manobra de incorporación á Rúa Alta cun campo de visión suficiente e que os pasos de peóns sexan visibles desde máis lonxe para, en consecuencia, minorar a posibilidade de accidentes ou atropelos.
O procedemento de contratación desta obra está xa en marcha e o Concello agarda resolvelo en breve para que, segundo o alcalde «os traballos comecen o antes posible«. Foron 6 as empresas que presentaron oferta para a execución do proxecto, cifrado polo departamento de obras en 78.356€.