O Concello de Cabanas, a través da Concellería de Deportes, retoma o calendario de rutas de sendeirismo para dar a coñecer o rico patrimonio natural do municipio. A primeira celebrarase o sábado 27 de xaneiro e, a partir de entón, programaranse cunha periodicidade mensual –os últimos sábados de cada mes-.
A proposta para xaneiro contempla unha ruta de algo máis de nove quilómetros entre a casa consistorial e o Marco do Salto. Cunha duración estimada de dúas horas e cincuenta minutos, dará comezo ás 10 horas. Para tomar parte é preciso inscribirse previamente e o prazo está xa aberto na Concellería de Deportes –pranta baixa da consistorial, correo electrónico cultura@cabanas.gal ou teléfono 981 49 59 59 ext.3-.
Trátase dun percorrido circular que ofrece algunhas das mellores panorámicas sobre as rías e a zona costeira de Cabanas. Lémbrase da necesidade de levar calzado cómodo e con boa suxeición. Amáis da riqueza natural, a ruta descubre xoias arquitectónicas como a igrexa parroquial de San Andrés, do século XVIII, ou a Casa Palacio, ou monumentos megalíticos como o Marco do Salto.