Entran en vigor os orzamentos municipais de San Sadurniño

O Boletín Oficial da Provincia do pasado luns publicou o anuncio da aprobación definitiva dos orzamentos municipais para este ano, logo de superarse o período de exposición pública sen que se presentasen alegacións. As contas increméntanse con respecto ao ano pasado, quedando no apartado dos ingresos e dos gastos nunha cifra de 2.810.000 euros. A entrada en vigor do orzamento dalle luz verde á convocatoria das liñas de axuda para entidades culturais e deportivas do territorio, á apertura do prazo de solicitude das bolsas de estudo para ensino obrigatorio e postobrigatoiro, á publicación das axudas para familias con nenos e nenas na Escola Infantil Municipal A Rolada e á suscrición dos convenios previstos con clubs e asociacións. Este ano destínanse a estes apartados 100.000 euros.

Os orzamentos municipais son o resume das previsións de ingresos e gastos durante o exercicio anual. Entran en xogo moitas variables: o custe dos salarios do persoal, as variacións dos prezos dos combustibles e da electricidade, as transferencias que veñen doutras administracións, os prezos finais que terán as obras, as previsións de ingresos en concepto de taxas e impostos municipais… Hai que ter en conta todos estes aspectos -e moitos máis- para deseñar unhas contas que respondan ás necesidades de todo o territorio e que, ademais, manteñan o equilibrio entre o que se ingresa e o que se ten previsto gastar.

As contas do ano 2018 quedaron fixadas inicialmente en 2.810.000 euros, unha cifra que sobe un 2,74% no apartado de ingresos e un 4,27% no dos gastos con respecto ao ano pasado. O documento foi aprobado no pleno do pasado 2 de decembro cos votos favorables do equipo de goberno, a abstención do PSOE e o rexeitamento do Partido Popular.

Tal e como se puxo de manifesto naquela sesión, os ingresos proveñen na súa maioría doutras administracións. Arredor dun 65% serían recursos externos e un 35% xerados pola propia administración local, que este ano volve manter conxeladas impostos e taxas, incluso aquelas dos servizos máis deficitarios que se lle prestan á veciñanza e que o Concello conta compensar por dúas vías: racionalizando e contendo no posible o gasto e elevando a eficiencia recadatoria agora que a tarefa se delegou na Deputación.

O apartado de gastos divídese porcentualmente da seguinte maneira. Un 40,96% destínase a persoal. Son 1.150.900€ dos que algo máis de 400.000 se corresponden coa área de Servizos sociais e atención no fogar. De feito, todo o apartado de atención social supón 505.300 euros, case un 28% do orzamento municipal, incluíndo na partida a obriga de contribuír cun total de 50.000 euros ao mantemento do Centro de Día, financiado ata agora polo Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar.

Outro 32% -905.000 euros- resérvase para gasto corrente (gastos de funcionamento do Concello, como o consumo de combustible, a electricidade dos alumeados públicos, etc.) e o 22,16% -622.000 euros- irán para investimentos en obras, principalmente para a conservación de vías e para a execución dos proxectos de reurbanización de toda a Avenida Marqués de Figueroa e da apertura da rúa que unirá o Centro de Saúde co pavillón municipal.

Axudas para entidades e bolsas de estudo

O resto dos importes do apartado de gastos son as transferencias correntes, fixadas en 100.000 euros, un 0,81% máis que en 2017. Aquí englóbanse as axudas ao tecido asociativo e deportivo do municipio -64.200 euros para subvencións e convenios nominativos- e as dirixidas a bolsas escolares e servizos de conciliación.

Para bolsas de estudos e axudas ás familias con nenos e nenas da escola infantil municipal hai reservada unha partida de 25.000 euros: 10.000 para estudos post obrigatorios, 5.000 para os obrigatorios, 8.000 para distribuír entre as familias da EIM con nenos e nenas matriculadas no curso 2017/18 e 2.000 para atender situacións especiais que poidan xurdir durante o ano en materia educativa.

Os outros 10.800 euros que completan o apartado cadran coa previsión dunha achega de 3.000 euros á entidade Seitura 22 que xestiona os fondos Leader na comarca e cos 7.800 reservados para casos de emerxencia social.

A entrada en vigor do orzamento municipal significa que nestes días se poidan suscribir os convenios nominativos con distintas entidades do territorio así como a convocar as bolsas de estudo e as subvencións para o tecido asociativo. O Concello ten previsto reunir a semana que vén aos clubs para abordar posibles cambios nas bases específicas de deportes, tal e como solicitara o Oitomil Ocio e Aventura no Consello de Participación veciñal do pasado mes de decembro.

Unha vez se lle dea forma ás bases da liña competitiva de deportes, a Xunta de Goberno Local ratificará dunha tacada todas as convocatorias e remitiraas ao Boletín Oficial da Provincia, algo que podería producirse a finais deste mes de xaneiro.

Lea también

Xosé Miguel Mahía renunció al acta de concejal de Mugardos por motivo de estudios en el extranjero

La noticia, aunque no era oficial, se hizo real en la mañana de este miércoles, …