O Concello de Fene aproba a Oferta de Emprego Público para a cobertura de 6 postos de traballo

O goberno local de Fene reuniuse esta mañá con representantes dos grupos da oposición, da Xunta de Persoal e do Comité de Empresa, ademais da parte sindical da CIG, CSIF e UGT, para dar conta da proposta de Oferta de Emprego Público no Concello de Fene correspondente a esta anualidade. O catálogo presentado polo equipo de goberno obtivo o apoio maioritario da Mesa Xeral de Negociación que, deste xeito, lle dá luz verde á convocatoria de 6 prazas para a cobertura doutros tantos postos en distintos departamentos municipais.

A aprobación da oferta pública é o paso previo ao inicio dos respectivos procesos de contratación e debe ser ratificada e publicada antes do 31 de decembro de cada ano para que se poida recorrer a ela xa ao ano seguinte. De feito, unha vez aprobada a OEP, os concellos teñen un máximo de tres anos para cubrir as prazas ofertadas.

Iso si, nestes momentos a administración ten limitadas as posibilidades por lei tanto para a convocatoria de novos postos como para a reposición de persoal por causa, principalmente, das xubilacións.

Así, o Estado só permite repoñer nun 50% as vacantes existentes en servizos de carácter xeral e a posibilidade do 100% so está prevista de momento para postos relacionados cos servizos esenciais, como é o caso daqueles que teñen que ver coa seguridade cidadá, a sanidade ou a educación, entre outros.

Neste escenario, o executivo local presentou na Mesa Xeral de Negociación unha proposta que declara como dispoñibles dúas prazas para persoal funcionario de novo ingreso -unha de auxiliar administrativo e outra de peón- e outros catro postos de administrativo que se cubrirán mediante promoción interna.

O alcalde, Juventino Trigo, louvou esta mañá «a boa disposición» da Mesa integrada por representantes dos partidos políticos, dos sindicatos, da Xunta de persoal e do Comité de empresa «para levar adiante unha oferta pública que é moi necesaria para cubrir xubilacións que se produciron nos últimos anos, pero tamén para reforzar a área administrativa do Concello«. O rexedor destacou que a proposta ratificada esta mañá «por unha ampla maioría da Mesa» é, ademais, «a primeira que se aproba en Fene nos últimos 8 anos«.

A intención municipal é «acelerar os procesos selectivos todo o que se poida» dentro dos prazos que permite a lei, coa finalidade de «continuar axeitando a capacidade do Concello para prestar os servizos que demanda a veciñanza«.

Lea también

El concello de Mugardos aprueba la licitación de obras para la mejora de la rúas Casás y Simou con un presupuesto superior a los 200 mil euros

En la última Junta de Gobierno Local del concello de Mugardos se aprobó la licitación …