A música é protagonista no programa de Nadal deste ano en Mugardos e ofrece varias citas para esta semana. Un concerto solidario o venres, unha sesión vermú na praza do Concello, un recital da banda Charamela e a xa tradicional festa de Fin de Ano completan o intenso calendario musical destes últimos días de 2017 na vila, nos que tamén haberá actividades para a cativada.
29 de decembro. Concerto solidario “Super Adri Fest”.- Ás 22.00 horas, no Casino Mugardés, con entrada gratuíta e donativo voluntario para a campaña de axuda para a cura do neno aresán Adrián Vilasánchez. Actuarán a banda ferrolá de hard rock Pölisong, a Electric-Mojo Blues Band e a formación Rockaway, unha veterana banda tributo a Dire Straits.
Xogos na Rúa.– De 16.30 a 18.30 horas, na Praza do Concello (na OMIX en caso de choiva), organizarase un “Pescapica” xigante para nenos e nenas de catro a seis anos, e o xogo de habilidade “Un para gañar” para idades de sete anos en adiante. As actividades teñen carácter gratuíto e hai que inscribirse na OMIX.
30 de decembro. Sesión vermú de Mr. Cool.- Ás 13.00 horas na Praza do Concello (en caso de choiva trasladarase á OMIX). Mr. Cool é Ramón Orencio, un guitarrista e vocalista que se presenta como un home osquestra cun repertorio de máis de 80 temas. O público terá a oportunidade de facer peticións e gozar cos seus temas favoritos.
Concerto da Banda de Música Charamela.– Ás 19.30 horas, no Casino Progreso de Franza. O Concello de Mugardos incorporou ao programa de actos de Nadal este recital da prestixiosa banda da Escola Musical Charamela de Pontedeume.
31 de decembro. Fogos artificiais e Festa de Fin de Ano.- Ás nove da noite, desde o peirao vello, lanzaranse fogos de artificio para contribuír a subliñar o ambiente festivo dunha xornada na que a veciñanza adoita atoparse nos establecementos do porto para brindar e desexarse unha boa entrada de ano. Despois das campanadas, en torno á unha e media da madrugada, comezará a festa na carpa instalada no Cantón de Cora. Pincharán os DJ Jose, de evenTeC, e Óscar García, de Maigon, e actuará o televisivo Dani Ríos.